Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONTRA OS COMPROMISOS ELECTORAIS

Os orzamentos da Xunta esquecen a cooperación

Logo de cultura, normalización lingüística e medio ambiente, a solidariedade internacional é o valor que maior recorte sofre nas contas.

Redacción - 14:00 17/11/2009
Galiza adicará 3,7 euros por habitante a proxectos de cooperación

Galiza adicará 3,7 euros por habitante a proxectos de cooperación

Galiza adicará un 16,4% menos á cooperación. Así se desprende do Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais para o ano 2010. En concreto, á solidariedade internacional destinaranse un total de 9,7 millóns de euros (1,9 millóns menos que o destinado o ano pasado). Dende a Coordinadora Galega de ONGD para o Desenvolvemento lamentan esta redución e chaman a atención sobre o feito de que Galiza é a comunidade autónoma do Estado Español que menos porcentaxe do seu orzamento adica a este valor.

Se ben o obxectivo de todos os gobernos (incluído o español) é que no 2012 se destine o 0,7% do PIB á axuda ao desenvolvemento, Galiza está ben lonxe destes niveis. Para o vindeiro ano, adicará só un 0,086% das contas galegas a este fin, unha cifra que dista moito do 0,4% que piden as ONG's e que o propio Partido Popular, agora no Goberno, asumira no seu programa electoral. Aínda máis, a Coordinadora Galega subliña que sería preciso sumar o gasto asumido pola Xunta de Galiza nos últimos 18 anos para chegar até o 0,7 % desexábel (dende 1992 até 2010, a cantidade adicada a cooperación ascende a 79,3 millóns de euros). Así, o gasto en cooperación por habitante sitúase agora nos 3,7 euros (o 0,7% suporía case 29 euros).

Así as cousas, a Coordinadora lamenta que a Xunta dese as costas á axuda ao desenvolvemento. "Nun contexto de tendencia histórica de incremento orzamentario, agora volvemos aos niveis de 2006", explica o seu presidente, Xosé María Torres. Así, lamenta que cuestións como a crise económica e o cambio de goberno leven canda si a eliminación dalgúns programas de solidariedade internacional, entre os que menciona un proxecto en Guatemala.

A cooperación directa, a que máis se resente
No caso de Galiza, a meirande parte dos cartos que se destinan á axuda para o desenvolvemento xestiónanse directamente. As ONG's reciben o 45% destes cartos, mentres que o 55% restante é asumido pola Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, enmarcada na Dirección Xeral de Relacións Exteriores (baixo a dirección da Consellaría de Presidencia). Non sucede así noutras comunidades autónomas, onde son as organizacións sociais as que asumen ese traballo (a media estatal é do 75%).

Xosé María Torres explica que "en Galiza houbo menos confianza nas ONG's", se ben aclara que a petición de máis orzamento para cooperación se fai dende unha concepción máis xeral: "non pedimos a nosa parte do pastel, senón que se adiquen máis cartos ao desenvolvemento". En todo caso, a decisión da Xunta para este ano foi a de a de reducir en maior medida a cantidade de cartos xestionados directamente. "Mentres as previsións de Facenda son as de medrar no vindeiro ano, a revisión do orzamento para cooperación faise á baixa", lamenta Torres.

Finalmente, este colectivo fai un chamado para que a Xunta de Galiza retome a creación da Axencia Galega para a Cooperación e o Desenvolvemento. A Lei Galega de Cooperación, do 2003, instaba a estudar a efectividade que tería un organismo deste tipo, que existe noutras comunidades como Asturias, Cataluña ou Estremadura. "Nós estamos dispostos a asumir ese compromiso, pero tamén pedimos que a Xunta se dote de infraestruturas e persoal para atender ás crecentes demandas da solidariedade internacional".


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: