Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Logo da sentenza que declara "ilegal" o de Marín

Milleiros de persoas protestan en Vigo contra os recheos portuarios

"Non permitiremos máis agresións á Ría", din desde 'A Ría non se Vende'. No porto hai "espazo abondo", aseguran.

Redacción - 09:30 14/11/2009

(Última actualización: 21.00 horas)
Arredor de catro mil persoas participaron esta tarde en Vigo nunha manifestación contra os recheos portuarios convocada pola plataforma 'A Ría Non se Vende', segundo informaron a Europa Press fontes da organización. Os participantes na marcha partiron da Praza dos Cabalos logo das 19.00 horas e desprazáronse deica a Praza da Estrela, onde se leu un manifesto onde se ratifica o rexeitamento aos recheos portuarios.

"Non permitiremos máis agresións á Ría de Vigo", asegurou un voceiro do colectivo convocante e sinalou que no porto hai "espazo abondo". "O que acontece é que está mal xestionado e fanse cousas completamente absurdas que non teñen nada que ver coa autoridade portuaria", argumentou.

Logo de coñecer a sentenza do Tribunal Supremo (TS) que declara "ilegal" o recheo do Porto de Marín, 'A Ría Non se Vende' iniciou os trámites para recorrer pola vía contencioso-administrativa as resolucións da Autoridade Portuaria de Vigo polas que autoriza as ampliacións dos peiraos de Bouzas, Areal e Transatlánticos.

Segundo explicou o colectivo, os citados contenciosos baséanse nos "fundamentos xurídicos" da resolución do TS no caso de Marín, en que se declaran "ilegais" as obras de recheo que estaban amparadas nun plan especial impugnado.


Contra a "cobiza insaciábel" polo espazo portuario
A Ría de Vigo é un dos ecosistemas mariños máis ricos do mundo, de enorme riqueza biolóxica e tamén un recurso económico que, "racionalmente explotado, é fonte de vida e de alimento para hoxe e para sempre". "Este tesouro común, de valor incalculábel, o están destruíndo dun xeito estúpido e irresponsábel", denuncia a plataforma A Ría Non se Vende.

A rede de colectivos convoca para este sábado 14 de novembro unha manifestación que sairá ás 19 horas da Praza dos Cabalos e rematará na Autoridade Portuaria de Vigo. Unha mobilización que está apoiada ademais por até oito organizacións mariñeiras. Na mesma xornada e contra as 23 horas a sala Farándula (na rúa Churruca) acolle un concerto en solidariedade con esta mobilización.

"Contra a conversión do litoral en caóticos polígonos industriais cheos de empresas e naves alleas á actividade portuaria; contra a política avariciosa de conseguir as máximas ganancias no menor tempo para que os de sempre sigan a engrosar os seus beneficios; contra a contaminación con millóns de litros de augas residuais urbanas e industriais que se verten diariamente ao mar sen depurar; contra a especulación do litoral, tanto urbanística, como de chan industrial ou de lámina de auga", recolle o argumentario d'A Ría Non se Vende.


5/5 (23 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: