Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SETE ANOS DESPOIS

E se hai outro Prestige?

Mentres os colectivos ecoloxistas denuncian desidia por parte das administracións, as tres forzas políticas acúsanse entre si e lamentan que Galiza estea hoxe igual de indefensa.

Redacción - 09:30 13/11/2009
O mércores 13 de novembro de 2002, o Prestige sufría un accidente a 28 millas ao oeste das costas de Fisterra

O mércores 13 de novembro de 2002, o Prestige sufría un accidente a 28 millas ao oeste das costas de Fisterra

Nin medidas de protección ante novas catástrofes, nin plans de evacuación da poboación, nin portos refuxio nin protocolos de actuación. Colectivos ecoloxistas como Adega alertan do pouco que se ten feito para evitar sucesos como o do afundimento no Prestige perante as nosas costas e a súa consecuente contaminación. O chamado cobra renovada importancia ante o aniversario deste accidente marítimo que perdura na nosa memoria, mais tamén ante a estatística que apunta a que nos toca un petroleiro sinistrado cada oito anos.

BNG: competencias en salvamento marítimo
As tres forzas políticas con representación lamentan que Galiza estea hoxe igual de indefensa. Así o subliña o BNG, quen reclamou a transferencia de competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación. Lembrando que "contamos coa costa máis afectada polos verquidos contaminantes", o deputado Bieito Lobeira censurou que o centro de control se traslade a Madrid co "curioso argumento" de vixiar a contaminación no Mediterráneo.

Para os nacionalistas, Galiza debería poder decidir en cuestións como a prestación de servizos de busca, rescate e salvamento, así como o control e a axuda de tránsito e prevención e loita contra a contaminación. Lobeira apuntou tamén as funcións de servizos de remolque, elaboración dun plan galego de servizos especiais de salvamento, determinación de zonas de fondeo e manobra dos portos ou a elaboración de informes vinculantes ao respecto de canais de entrada e saída dos portos, así como determinar criterios de manobras dos buques que transportan mercadorías perigosas.

PSdeG: o Prestige silencioso de Feijoo
Pola súa parte, Manuel Vázquez (PSdeG) aproveitou a ocasión do aniversario do Prestige para cuestionar a política ambiental do actual Goberno. "Feijoo está facendo máis dano que o afundimento do buque, por mor do desmantelamento das políticas de protección existentes". Así, Vázquez criticou as súas políticas sobre "concesións de centrais, polas incineradoras e pola liberalización do uso indiscriminado de espazos naturais, tales como Touriñán". "Debemos aprender daquel drama", dixo, "e promulgar políticas activas en defensa do medio ambiente".

PPdeG: os mesmos riscos
Mentres, Alberto Núñez Feijoo (PPdeG), asegurou que, sete anos despois, "en Galiza mantéñense os mesmos riscos de que un Prestige se repita" ao tempo que admitiu non saber "que ocorrería de producirse una catástrofe similar".

Porén, adiantou que "estamos algo máis preparados porque contamos cun buque anticontaminación máis", se ben cualificou de decepcionante e preocupante a decisión do goberno español de desmantelar o panel de expertos que, na Coruña, se encargada de asesorar ás administracións en caso dun accidente marítimo con sustancias contaminantes.

Fuel soterrado
Discrepancias políticas á parte, Adega denuncia que aínda hoxe toneladas de combustíbel fican soterradas baixo a area. Lamentan que o Prestige segue verquendo fuel e alertan sobre os seus efectos tóxicos, que seguen manifestándose "maiormente nos humidais costeiros e os fondos mariños".

Se ben recoñecen o feito de que a UE desprazase un buque anticontaminación a Vigo, alertan de que "seguimos sen portos de refuxio e centros loxísticos". "Aprobáronse planos de continxencia, mais a equipa técnica de coordinación da loita contra a contaminación acaba de ser desmantelada", insisten. Dende o colectivo ecoloxista consideran "insensato esquecer a necesaria protección contra este tipo de sucesos, sobre todo cando Galiza se atopa nunha franxa de alto risco para que se dea outro caso Prestige".


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: