Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Primeiro aniversario do seu pasamento

Nova vida literaria para Anxo Rei Ballesteros

Unhas xornadas na Pobra do Caramiñal e a publicación dunha novela inédita reivindican unha figura capital da literatura contemporánea.

Redacción - 11:00 31/10/2009

Hai xa un ano do pasamento o 29 de outubro pasado de Anxo Rei Ballesteros, pero o seu legado literario segue presente. Escritores e amigos recordarano estes días coa celebración dunhas xornadas de homenaxe na Pobra do Caramiñal durante o mes de novembro, ao que se engade a publicación de números dedicados á súa vida e obra na revista Grial e no V Anuario de Estudos do Barbanza.

Tamén nas vindeiras semanas Galaxia publicará unha obra inédita de Rei Ballesteros: A noite do moucho. É a cuarta novela dun autor que con apenas media ducia de libros se sitúa como unha das voces máis influentes da literatura galega contemporánea. Víctor Freixanes presentará este novo libro no transcurso das xornadas que se celebrarán na Pobra do Caramiñal ao longo dos catro venres de novembro.

O Concello e a Asociación Cultural Barbantia, da que foi membro fundador, son os organizadores desta xornadas, que inclúen conferencias de Carlos Fernández, Dolores Vilavedra e Manuel Lourenzo, unha mesa redonda, a entrega dos premios Barbantia, a proxección dun documental realizado polos alumnos do IES da Pobra do Caramiñal e presentacións de libros de Rei Ballesteros. Xunto coa novela inédita, destaca a presentación do libro artesán O resto é silencio, no que os gravados de Manuel Teira comparten páxinas con textos do escritor.

A mirada dos outros
Anxo Rei Ballesteros será lembrado tamén no Anuario de Estudos do Barbanza de 2009, que nesta ocasión será un monográfico sobre a súa figura. E é tamén o protagonista do número 183 da revista Grial, na rúa desde outubro. A publicación revisa a súa achega á literatura galega contemporánea a través da mirada de Dolores Vilavedra, Basilio Lourenço, Xosé María Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, César Antonio Molina, Carlos Fernández, Manuel Castelao e Xulio Lago. A revista editada por Galaxia recolle tamén textos inéditos pouco coñecidos do autor, como “Un tal Valmont”, “Exaltación da peste”, “O Revolver” e “Carta inacabada a Xoán González Millán”.


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: