Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONCURSO INTERNACIONAL DE GAITA GALEGA

Malia a Xunta, haberá 'Constantino Bellón'

Coa mudanza de goberno perdeu a subvención. Agora, a axuda do Concello de Ferrol e da Deputación da Coruña fai posíbel a súa celebración: será en novembro.

Redacción - 18:30 27/10/2009

A XIX edición do Concurso Internacional de Gaita Galega Constantino Bellón, por primeira vez na súa historia, non terá lugar o 31 de agosto. O certame organizado polo Ateneo Ferrolán será o 8 e o 9 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol. O adiamento producise a consecuencia de que a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta lle retirou o apoio económico.

Segundo explicou o presidente do xurado, Víctor Fernández Gabeiras, nun primeiro momento pensouse en suspender o concurso até o vindeiro ano, pero, por petición da Alcaldía de Ferrol, ao final celebrarase en novembro. Unha axuda do concello ferrolán e da Deputación da Coruña fixo posíbel que haxa un Constantino Bellón no 2009.

"Falamos coa xente e conseguimos organizalo en datas que aceptou tamén o persoal que participaba ou ía ser seleccionado", explica Fernández Gabeiras. O día de celebración será o único que cambie edición deste ano: "Se algo ten o Bellón é que cumpre coas súas tradicións".

O presidente do xurado co Constantino Bellón cre discutíbel que se xustifique a retirada da subvención da Xunta polo cambio de Goberno. "Non estamos falando de miles de euros", asegura, e "as bases coñecíanse dende setembro do ano pasado". En calquera caso, asegurou que esta situación "non se volverá repetir" e que xa están a buscar patrocinadores para a XX edición.

Dende a súa sexta edición, o Constantino Bellón conta coa participación de catro artistas das comunidades galegas do exterior. Os gastos eran financiados por Emigración, que este ano rexeitou financiar a viaxe dos gaiteiros, o que obrigou a suspender a final prevista para o 31 de agosto.

Desta volta, a final comezará o día 9 ás 20.30 horas e incluirá a entrega do Premio de Composición para Gaita Galega Solista, que recaeu en Jesús Rodil Rodríguez. Entregaranse dous accésits a Pablo Devigo e Javier María López Rodríguez. Tamén terá lugar a entrega aos finalistas dunha figura de Sargadelos e dos diplomas de participación.

Dende 2004 convócase ademais o Concurso de Composición para Gaita Galega Solista e dende 2008, o Premio Seivane, que consiste nunha gaita fabricada e personalizada especialmente para a convocatoria e que se concede a aquel concursante que, a xuízo do xurado, mellor represente a imaxe tradicional do gaiteiro galego. De feito, segundo Fernández Gabeiras, este agasallo suponlle aos Seivane un esforzo económico maior có gasto que cubría Emigración.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: