Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
VIGO

O edificio "Gota de Leite" queda sen axudas para converterse en albergue

A orde relixiosa Misión del Silencio recibirá 200 mil euros da Xunta para ampliar en 20 camas as súas prestacións.

Redacción - 12:00 23/10/2009

A Xunta de Galiza xa deu unha solución á demanda dun albergue público en Vigo, mais a resposta á esta petición social non foi a agardada. Nin o edificio chamado "Gota de Leite" nin a alternativa que se barallaba da antiga Escola de Hostalaría foron as propostas escollidas para ofrecer unha atención á demanda de todos os indixentes que acolle a cidade de Vigo e que tanto o concello como os colectivos sociais estiman en trescentas persoas. A Consellaría de Benestar Social chegou a un acordo cos Misioneiros do Silencio para financiar cun convenio por valor de 200 mil euros unha ampliación de vinte camas no centro de acollida que esta entidade relixiosa xa posúe na viguesa rúa de Marqués de Valterra.

Este acordo asinarase nos vindeiros días, farase efectivo a comezos de decembro e terá unha duración dun ano, segundo adiantou a directora xeral de Familia, Susana López-Abella. Actualmente, esta entidade xa ten capacidade para a atención de 30 persoas, mais o anuncio da Xunta é o de crear unha comisión de seguimento para avaliar o proxecto e mesmo chegar até o financiamento dunha futura ampliación até chegar ás 100 prazas.

O proxecto no "Gota de Leite", cancelado
O edificio coñecido como "Gota de Leite" é obxecto dunha longa disputa entre organizacións sociais e responsábeis políticos de diferente signo. A Rede Galicia Sur (plataforma que agrupa a 24 organizacións que traballan no eido da cooperación na cidade de Vigo e na súa bisbarra) convocaron diferentes actos reivindicativos solicitando a apertura neste lugar dun albergue público para as persoas sen fogar e en situacións de emerxencia.

Este emprazamento fora escollido e mesmo parcialmente acondicionado para este fin polo II Plan Galego de Inclusión Social (2007-13) promovido pola Xunta de Galiza, que pretendía abrilo coma un centro de referencia dentro da Rede de Centros de Inclusión Social. Dende a Vicepresidencia do bipartito púxose en marcha un proxecto piloto, con albergue, comedor social, centro de día e espazo para dar acollida a xente que precisase dunha estancia máis longa. Con todo, a polémica xurdiu xa no goberno municipal: o BNG apoiou o proxecto emanado do departamento nacionalista, mais o PSdeG amosou as súas reticencias ante a escolla desta céntrica localización para o albergue. Dende os colectivos sociais, acusaron aos socialistas de sumárense ao PPdeG en actitudes hipócritas por rexeitar este lugar pola mala imaxe que poderían dar os pobres, polo seu suposto efecto sobre o comercio local ou por preferir outras alternativas como o que era albergue provisional na antiga Escola de Hostalaría do Berbés.

Agora o PPdeG pechou a polémica a golpe de convenio cos Misioneiros do Silencio. A directora xeral de Familia rexeitou absolutamente que o edificio "Gota de Leite" poida ofrecer servizos no eido social, porque asegurou que non o permite a súa catalogación patrimonial. Ademais, asegurou que este edificio non está acondicionado para un centro de emerxencia e mesmo considerou "decepcionante" o seu estado actual.


4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: