Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Páxinas centrais

Colombia, entre a vida e a morte

 No mes de agosto estiven en Colombia. Fun aló para un traballo académico na Universidade Javeriana de Bogotá; unha universidade dos xesuítas cun enorme campus de dezasete facultades e preto de 30.000 alumnos, que é con razón das tres máis importantes do país. Houbo ben máis nesta viaxe; a experiencia foi rica e intensa, unha inmersión na realidade deste país cunha situación ben máis positiva do que ten fama fóra, aínda que teña moita xente na miseria.

Victorino Pérez - 20:05 09/10/2009
Tags:



  A universidade: calidade e liberdade

      O traballo académico foi a participación no tribunal dunha Tese de Doutoramento en Teoloxía e dar un curso de posgrao en Teoloxía, xunto cunhas conferencias na Universidade Javeriana e outras na mesma cidade: na Universidad de La Salle e nun encontro de Pastoral Universitaria na Conferencia Episcopal Colombiana. Un programa moi apertado, algún día case esgotador; pero un traballo moi grato no que quedamos mutuamente contentos eles –tal como me dixeron e me escribiron logo- e máis eu. Particularmente, o curso sobre experiencia de Deus e discurso sobre Deus, o encontro cos profesores do Seminario de Relixións comparadas e co grupo de Ecoteoloxía -que traballaran un vello texto meu-, e unha conferencia aberta para toda a xente de dentro e fora da universidade que levaba por título: “Unha espiritualidade ecolóxica que chama a unha nova maneira de concibir a Deus e ao Mundo e a nosa relación con ambos”. Tamén tiven un gratísimo encontro coas mulleres do grupo “Teoloxía e xénero”, moitas delas docentes na Universidade Javeriana.

   A eucaristía nun barrio de Bogotá: o Deus de vida e os ídolos de morte

      Non estiven só no ámbito universitario, tamén fixen algo de turismo e compartín a vida de dous dos barrios máis pobres de Bogotá: Eldorado e Guacamayas. Neles participei nas celebracións dominicais das súas comunidades parroquiais.

      Na parroquia de Santa Edit Stein, en Guacamayas, no sur-oriente de Bogotá, presidín a eucaristía e escoitei a Pedro -o seu párroco, moi querido pola comunidade- de recentes “balaceras” entre grupos de rapaces novos, con varias mortes. Foi unha das eucaristías máis vivas da miña vida; moita xente, e unha participación moi activa. Certamente, non é o mesmo en tódalas igrexas. Alí fixemos xuntos a reflexión sobre a Palabra de Deus que escoitamos: as verbas de Xesús aos discípulos de se tamén eles querían irse, e de Pedro dicíndolle que onde ían ir atopar unhas palabras de vida como as súas (Xn 6, 60-69); e o fermoso texto da xuntanza de Xosué co pobo en Xiquem. El dilles: “Escollede hoxe a quen queredes servir...”. E o pobo responde: “Lonxe de nós arredármonos do Señor para  servir a outros deuses... o noso Deus sacounos da escravitude de Exipto” (Jos 24, 1-18).

      A xente logo comprendeu e manifestou de viva voz a contraposición actualizada entre o Deus de vida e os deuses de morte (a violencia, a avaricia polos cartos, a insolidariedade...) Eles comprenderan moi ben o que afogaba as súas vidas e o que lles podía dar vida: a violencia de cada día, fundada sobre todo no feito de que valen máis os cartos que as vidas dos pobres, a corrupción política, social e mesmo relixiosa... e os valores de Xesús. A violencia fixo que Colombia gañara a triste fama de ser dos países máis violentos do mundo; aínda que no presente as cousas non están tan mal como hai vinte anos.

  Medellín, de cidade cercada polo horror á unha nova primavera

      Tamén estiven uns días en Medellín para dar unha conferencia sobre espiritualidade e mística hoxe e participar nunha mesa redonda interrelixiosa. A conferencia e a mesa redonda foron no centro xesuíta “Fe y Culturas”, pero estaba organizada pola Fundación zen “Montaña de silencio”. Foi un encontro gratísimo cunha numerosa e variada concorrencia; o mesmo director do centro dixo alí que nunca tiveran tal cheo. Fórame recoller na véspera ao aeroporto de Rionegro o P. Guillermo, abade do convento benedictino de Guatapé, na selva; ía acompañado do P. Eduardo, un monxe vinculado á comunidade, pero que leva máis de vinte anos de anacoreta, no bosque; con eles compartín un día magnífico.

      Medellín  é a segunda cidade do país; na terra dos “paisas”. Ten fama de ser a máis católica de Colombia, poboada por xente boa e tan relixiosa que da o 80% dos curas e monxas colombianos. Sen embargo, a súa sona fóra non é precisamente de cidade da paz, senón de violenta e moi perigosa. Pero as cousas foran cambiando nos últimos tempos. Cos fermosos versos de Ron Ridell -un poeta neozelandés que foi parar a Medellín e me regalou un poemario-: “En los calabozos del desespero,/ de súbito hay aire nuevo./ Las palomas emprenden vuelo día y noche,/ llenando los cielos de fina luz”(El milagro de Medellín y otros poemas).

      Juan Felipe Jaramillo, monxe zen co que trabei amizade, dicíame que Medellín, a “cidade da eterna primavera”, amable e podente, foi tamén “a cidade do terror”, pola guerra cega declarada hai vinte anos polos cárteles da droga en loita contra o estado. Sumábase a eles o conflicto armado entre a guerrilla (FARC, ELN…), o exército e o movemento paramilitar (Autodefensas Unidas de Colombia), apoiado polas forzas do estado e unha parte da cidadanía; este multiplicaba a violencia con máis bombas, secuestros, destrucción....

      A comezos da década actual, con Alvaro Uribe na presidencia, o alcalde de Medellín era Luís Pérez, un afín seu “recordado como exemplo de corrupción”. Afortunadamente, a este corrupto rexedor sucedeuno Sergio Fajardo, un político independente que viña da universidade e conseguira unificar a moitos sectores da cidade. Con el baixaron as estatísticas de violencia, medrando a paz e o progreso na cidade; sobre todo para os sectores máis pobres. Propuxo un novo modelo de administración comprometida coa cidade, libre de corrupción e convencida da necesidade de educar e elevar o nivel cultural dos seus habitantes. “No seu período, a cidade cambia de cara”; máis que pola magnitude das obras externas, moi importante, porque “comeza a sentir un gran alivio”. “O que onte era feo, temible, desagradable, lugar de tránsito limitado, hoxe é un sitio apracible, fermoso, que convoca ao encontro, á tranquilidade e ao goce”, dime Juan Felipe.

      Con todo, Medellín e o país enteiro necesitan “coidado, tino, sabedoría e menos garrote e mentiras”, como me dicía tamén o meu “paisa”. Alí, como aquí e por todo o mundo, imponse unha política pacífica, honrada e intelixente; fiel á Vida. 
 


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: