Xoán Carlos Beceiro, veciño deste municipio da Ulloa, foi un dos promotores da primeira “Romaxe pola Visibilidade LGBT no Rural”.
Este sábado Monterroso converteuse na capital gai de Galiza. O PSdeG organizou neste municipio da comarca da Ulloa a primeira “Romaxe pola Visibilidade LGBT no Rural”. Até o mesmo achegouse medio cento de persoas. Porén había un dato sintomático: os participantes da bisbarra contábanse cos dedos das mans.
Detrás desta iniciativa hai un nome: Xoán Carlos Beceiro García. Este mozo de 32 anos de idade sabía que non ía ser doado contar coa asistencia dos veciños. De feito, el é de Monterroso. Todos os seus recordos están ligados a este municipio. Non podía ser doutro xeito. As circunstancias da vida afastárono da súa familia biolóxica e con só tres anos pasou a ser interno dun colexio de monxas da localidade. Alí estudou e vuviu até que con 16 anos comezou a buscar un futuro laboral no mesmo concelllo. Agora traballa como asalariado nunha explotación gandeira.
-Vieiros: Como xorde da idea dunha romaría para visbilizar o mundo gai no rural?
-X.C.Beceiro: Isto falámolo no grupo de traballo LGBT do PSdeG. Monterroso é un lugar bastante céntrico e sabían que contaban coa miña colaboración.
-Saír do armario nunha comarca rural é especialmente difícil?
-(Ri) Aquí había moita xente que non o sabía antes desta fin de semana. Agora si que noto máis as olladas da xente, pero era algo que xa agardaba cando decidín organizar o acto. Xa sabía o que podía pasar porque eu ouvía os comentarios homófobos da xente que descoñecía que eu era gai. A xente que o é homosexual en Monterroso non dá a cara. Incluso, cando te decides a saír do armario procúpanse de que os poidan relacionar contigo.
-Mais supoño que tamén habería xente que se solidarizaría contigo despois de dar este paso?
-Ninguén chamou para felicitarme.
-Como se pode rachar coa invisbilidade do mundo homosexual nos concellos rurais?
-No rural é máis difícil porque todo o mundo se coñece entre si. A idea xeralizada é que a homosexualidade é algo sucio, anormal. Hai demasiados tópicos. Por exemplo, por ser homosexual pensan que xa che gustan todos os homes. De feito (volve rir), cando saíu nos medios o do acto a xente pensaba que aquí se ía montar unha bacanal.
-Cantas veces pensou darlle un punto de xiro á súa vida e marchar de Monterroso?
-Moitísimas veces. A verdade é que non marchei por diversas circunstancias, pero é certo que teño máis amigos nas cidades.
-Pero supoño que se avanzaría algo na aceptación do mundo gai?
É certo que a xente nova acepta mellor ca os vellos as diferentes orientacións sexuais. Afortunadamente, tamén hai cambios no rural.
-Como se pode lograr ese cambio de mentalidade?
O principal é espallar a idea de que que é unha opción completamente normal. Os primeiros que teñen que velo así son os propios homosexuais. Ocultarse é acabar discriminándose a un mesmo. Hai que intentar vivilo coa máxima normalidade para que vaia callando tamén esta idea nos que te rodean.
-Determinados políticos debería saír do armario para dar exemplo?
Dende logo que si. Os políticos deberían facelo porque son un modelo para a sociedade. Ese xesto, sen dúbida, tamén lle axudaría a moita xente.