Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
RUEIRO CORUÑÉS

De General Sanjurjo a rúa Enriqueta Otero

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica presenta unha proposta con 108 nomes que substitúan a nomenclatura franquista da cidade.

Redacción - 13:30 24/09/2009
Unha das propostas é o nome de Enriqueta Otero, mestra e guerrilleira antifranquista

Unha das propostas é o nome de Enriqueta Otero, mestra e guerrilleira antifranquista

A avenida General Sanjurjo, a rúa General Mola, o viaduto do Generalísimo... todas estas estradas terán que mudar o seu nome pola aplicación na cidade da Coruña da Lei da Memoria Histórica. Logo de que o goberno municipal acordase a substitución do nomenclator de 22 destas rúas, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) fai a súa proposta, unha achega que incorpora un total de 108 nomes.

Nesta longa lista de posibilidades teñen un papel sobranceiro as mulleres, xa que, segundo destaca o presidente deste colectivo, Manuel Monge, actualmente supoñen só o 5% do nomenclator coruñés. Entre elas atópanse figuras como Enriqueta Otero, quen fora secretaria da Pasionaria e última guerrilleira galega; a anarquista Rosario Vizoso; ou María Miramontes, modista, republicana e defensora do Estatuto do 36.

Ademais, a CRMH propón a recuperación dos nomes tradicionais: "por exemplo a actual rúa Juan Canalejo chamábase antigamente Rúa do Socorro, ou a que ten adicada o Teniente Coronel Teijeiro recibía o nome de Antón Vilar Ponte", explica Monge. Nesta liña, o colectivo recibiu moitas suxestións por parte da cidadanía coruñesa, que aínda recorda os nomes antigos do seu rueiro. Así aconteceu, por exemplo, co nome da estrada que actualmente chaman Palomar. "Recibimos unha misiva", explica Monge, "da neta do alcalde da Coruña en 1899, Xosé Martínez Fontenla, que nos informaba de que esta rúa antigamente recibía o seu nome, e que foi mudado pola súa ideoloxía republicana".

Outra das propostas é que se empreguen efemérides, entre as que se atopan: Oito de marzo, día internacional da muller; 10 de marzo, día da clase obreira galega; ou 28 de xuño, día no que se aprobou o Estatuto de Autonomía para Galiza.

Republicanos, guerrilleiros, exiliados ou sindicalistas
Outro dos colectivos que ten moito peso na proposta da CRMH é a de figuras vencelladas á oposición franquista. Así, suxiren nomes como "O batallón Galicia" ou "La Nueve", en homenaxe á compañía de republicanos que entraron en París. Tamén vítimas da represión, como Mercedes Romero Abella, mestra de Monelos; ou A Corales de Montealto; ou a Elisa e Marcela, dúas mulleres que quixeron contraer matrimonio e que o fixeron disfrazándose unha delas de home. Súmanse nomes de sindicalistas, como Consuelo Rabuñal, ou de membros da gerrilla, como Manolito Otero, Xosé Gómez Gayoso ou Foucellas. E non faltan outras propostas como Mártires de Carral ou o asasinado alcalde de Santiago, Anxel Casal.

Finalmente, este colectivo propón denominacións do mundo da cultura, da ciencia ou do ámbito profesional, como Antolín Faraldo, Manuel Lugrís Freire, Manuel María ou Eduardo Blanco Amor. Ademais, suman á súa proposta os nomes de persoeiros vencellados coa cidade que aínda están vivos, como Manuel Rivas ou Manuel Lorenzo. Ademais, nesta variada e ampla lista, tamén incorporan a posibilidade de que unha rúa reciba o nome do Deportivo da Coruña, en homenaxe á unión que a cidadanía ten con este equipo de fútbol.

A proposta será agora entregada aos responsábeis de todos os grupos políticos con representación municipal, quen terá a competencia de aprobar, en pleno, a nova nomenclatura do rueiro da cidade. A Asociación pola Defensa da Memoria Histórica confía en que teñan en conta estas achegas e anima á cidadanía a facerlle chegar aínda máis posibilidades.


Ligazóns

4.37/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Elisa e Marcela, protagonistas do primeiro matrimonio homosexual do país, poderían recibir outra rúa
Elisa e Marcela, protagonistas do primeiro matrimonio homosexual do país, poderían recibir outra rúa
O guerrilleiro, Xosé Gómez Gayoso, é outra das ideas da ARMH
O guerrilleiro, Xosé Gómez Gayoso, é outra das ideas da ARMH