Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entrevista: Xosé María Barja, reitor da UDC

"O futuro do país pasa por unha universidade que funcione ben"

Encargado de presidir o acto de apertura conxunto do curso que este luns comeza, defende o importante papel da institución pública na normalización do galego.

Fernando Arrizado - 11:30 21/09/2009
Xosé María Barja

Xosé María Barja

Xosé María Barja, catedrático de Álxebra desde 1991, é na actualidade reitor da Universidade da Coruña (UDC). Con anterioridade, desde 1999 a 2004, foi tamén decano da Facultade de Informática. O pasado 11 de setembro foi o encargado de presidir o acto institucional conxunto das tres universidades de inauguración do curso que este luns comeza.

No seu discurso, e ante a presenza de Alberto Núñez Feijoo, Barja defendeu o papel de servizo público e de normalizador da lingua galega que ten a universidade, e sen agochar as contradicións que leva consigo o Espazo Europeo de Educación Superior (Plan Boloña), apostou por el como "revulsivo contra o inmobilismo".

Vieiros: Neste curso que comeza, a universidade entra de cheo na fase de transición do modelo das últimas décadas ao novo, adaptado no Espazo Europeo de Educación Superior. O Plan Boloña recibiu moitas críticas ...
X.M.Barja: É complicado, e ademais transmitiuse relativamente mal por todos, empezando polo ministro e polas universidades, e os medios tamén contribuíron. Como en toda transición hai dúbidas. Ás veces parece como se borrásemos todo o anterior. Desaparecen as diplomaturas, licenciaturas e enxeñarías, e en 2010 xorden os graos, o mestrado e o doutoramento, que son recoñecidos en Europa. Pero o que ten unha diplomatura xa rematou, non ten que facer nada. Outra cousa é que queira seguir estudando. O Espazo Europeo vai no sentido dun estudo unha carreira, pero ao longo da vida hai que ir renovando as capacidades porque as cousas mudan. Un non se fai enxeñeiro para toda a vida.

Tamén se di que a universidade camiña cara á mercantilización ...

Somos universidade pública e cremos niso. Os ministros de Educación ratificárono de novo en Lovaina: a universidade ten que ter un papel social, de equidade social, de movemento social. Pero todas estas accións que procuran melloras, para as universidades son un custe: por exemplo, a redución a grupos pequenos, a ensinanza personalizada. Entendo que estamos en crise, pero estannos a dicir que hai que axustarse e recortar ... Porén, a presión do tipo de que as empresas dirixan a orientación da formación, niso si que son moi escéptico porque desgraciadamente as empresas están moi lonxe de todo. Na universidade tense que aprender filosofía, humanidades. A creación de cultura, a ciencia, aínda que no momento non teña valor económico, á longa si que o vai ter. Antes tamén se dicía que as matemáticas non valían para nada ...

E o investimento tan grande que ten que facer un alumno para realizar o máster? Non se pecharán as portas da universidade a moita xente por cuestións económicas?

Iso é o que hai que evitar, que ninguén que teña as capacidades quede fóra por problemas económicos. Sempre pedimos a potenciación das bolsas. Agora hai unha medida conxuntural, que é que os parados poidan completar estudos no tempo en que están sen traballar. Non está mal, pero a política de bolsas tiña que se manter. O Observatorio de Bolsas, que está pensando facer o Goberno central para supervisar a política de axudas, vai nese camiño.

A semana pasada, a Xunta presentaba a súa proposta de Orzamentos para 2010, onde están en xogo moitos cartos para a universidade. O financiamento é unha cuestión clave aínda sen resolver, non é?

Éo, porque en principio o proxecto comeza con rescisións. Nós necesitamos o investimento. E non nós, o país. Cada vez vai haber máis demanda de maior formación en todos os traballadores. Iso é imparábel. Este ano houbo un dato positivo que, por primeira vez, en Galiza hai máis persoas con formación secundaria e superior que con só primaria. É importante seguir avanzando nese senso. Todos imos precisar de reciclaxes continuas e iso vai precisar formacións altas. En rexións como o Mediterráneo, cunha taxa de paro alta, hai moitos mozos que abandonaron cedo os estudos e agora teñen difícil conseguir traballo. O desenvolvemento económico e tecnolóxico require máis cualificación. Por iso é importantísimo en educación non andar a saltos. En momentos difíciles é clave manter as políticas en formación, en sanidade. Se hai que facer esforzos, hainos que facer aí. Na universidade non estamos pedindo para un santuario, é un investimento non un gasto.

Séguese a investigar pouco?

Non tan pouco. Afortunadamente mudou moito. Hai anos, cando só había unha universidade en Galiza, a investigación non tiña apoio ningún. Hoxe temos máis posibilidades, aínda que sigamos lonxe, xa non digamos do caso de Suecia e de todos os países nórdicos, con números de máis do 3% do PIB, con influencia dun 5%. Aquí estamos todos orgullosos porque estamos no 1%, nun momento en que o PIB baixou é o 1% é máis pequeniño do normal. Hai que manter o investimento que se fixo neste últimos anos tanto a nivel autonómico como estatal, tendo en conta que non dá froito dun día para outro. É como as cubas de aluminio: non se pode parar a produción un anaquiño e despois volver. Hai que alimentalas constantemente. En investigación pasa o mesmo, e exixindo resultados.

E coidando tamén do investigador para que non marche ...?

Tamén, tamén. Aínda que ás veces hai que pensar que nun momento dado é mellor marchar, porque tamén ten interese que esteas en contacto con outros compartindo coñecementos. Sobre todo hai que propiciar que ao final poida volver e traer novas ideas para impulsalas desde aquí.

Hai quen opina que na universidade galega hai demasiadas titulacións repetidas?

Ese é un tema que hai que tratar con coidado. Hai cousas que teñen que estar repetidas, e non pasa nada. A universidade non pode ser súper-especializada, é unha visión moi elemental. Outra cousa é que teñamos unha visión enteira do sistema universitario galego, pois o lóxico é que aproveitemos os recursos o mellor posíbel. O que estamos pedindo desde sempre a este Goberno e aos anteriores é que hai que pensar desde Galiza e procurar a mellor coordinación, coas limitacións que temos.


NORMALIZACIÓN DO GALEGO


Hai uns días, no discurso de apertura do curso académico e ante a presenza do presidente da Xunta, vostede salientaba o papel da universidade no proceso de de normalización da nosa lingua "aínda pendente en todos e cada un dos ámbitos da nosa sociedade". Tamén, asegurou que "a cultura galega é impensábel ou simplemente irrelevante como tal sen a lingua de nós", e puxo en valor as posibilidades que "o galego pode e debe cumprir no intercambio das grandes linguas de cultura" a nivel institucional, científico, ...

Entendémolo así. Digo entendemos porque o era eu quen falaba pero facíao en nome dos tres reitores. É evidente. A cultura galega sen a lingua de seu non sei ben como a podemos explicar. E a universidade, que temos tamén ese papel de promoción e de creación cultural, temos que estar comprometidos co galego e facémolo. Cada quen desde as súas posibilidades e coas eivas que tamén coñecemos. Nas universidades tamén temos análises de como se está desenvolver o problema da lingua, e temos cousas que facer e mellorar. Pero iso témolo que facer explícito para que non quede dúbida de que somos as universidades galegas e que que polo tanto, dentro dese contexto de creación cultural e demais, unha das cousas básicas é o idioma. E dá a casualidade de que a xente que vai manexar o idioma e operar cos instrumentos filolóxicos tamén está na universidade.

Supoño que neste senso, é importante que os alumnos cheguen á universidade cunha boa preparación en galego? Estou falando á aprendizaxe da nosa lingua na educación primaria e secundaria ...

Na propia universidade temos que facer ese esforzo de que sexa normal o ensino en galego. Ao igual que o facemos en moitas actividades: a produción editorial das universidades ten unha gran parte en galego. É que é parte da nosa misión. Cremos nela e por iso dicímolo.

Porén, en certos sectores da sociedade callou a idea dos que defenden que hai unha imposición do galego dende a Administración?

Por iso digo que ás veces as cousas se explican mal. Evidentemente o que hai é que mostrar o lado positivo. A lingua ten un valor de creación cultural e tamén de transmisión: as linguas son para falar. E dá a casualidade de que nós estamos inseridos no mundo galaico-lusófono que somos 400 millóns. Haille que tirar valor a cousas como esta, e moitas veces parece que nos esquecemos diso.

Que desexo ten para este curso que comeza?

Que poidamos seguir cumprindo a misión que temos, e enlazando co Espazo Europeo, é un reto moi importante e unha oportunidade para repensar moitas cousas. Pois o que temos é que facelo e facelo ben. Non só pedimos diñeiro, que tamén, senón que pedimos comprensión. Porque non é só importante para a propia universidade senón para a sociedade galega. Que sexamos conscientes que o futuro do país pasa polo bo funcionamento do Sistema Universitario Galego.


Milleiros de universitarios inician este luns as clases co horizonte posto, por parte dos reitores das tres universidades, na adaptación dos seus estudos ao Espazo Europeo de Educación Superior (Plan Boloña), que terá que estar definitivamente en marcha o próximo ano.

As universidades de Santiago (USC) e da Coruña (UDC) renovarán as súas clases nesta xornada para os estudos de grao e máster, mentres que as aulas darán comezo o 1 de outubro para as titulacións non adaptadas ao EEES. No caso da Universidade de Vigo, todas se inician este luns aínda que con períodos distintos para a súa finalización.


4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: