Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Competencias

O BNG pide a transferencia da xestión dos aeroportos

Asegurou que é necesaria para o correcto funcionamento do anunciado comité de desenvolvemento de rutas aéreas que creará o Ministerio de Fomento.

Redacción - 17:30 17/09/2009

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, recibiu favorabelmente o anuncio da creación do Comité de Desenvolvemento de Rutas Aéreas feito polo ministro de Fomento, mais advertiu de que é necesario "tratar cuestións de fondo" para que órganos deste tipo cumpran coa súa función. Por iso, pediu que se lle transfiran a Galiza as competencias de xestión dos aeroportos.

Vázquez lembrou que o compromiso xurdiu a raíz dunha interpelación de Francisco Jorquera, e engadiu que espera que se "defina" e se analice cal é a situación de Galiza para a súa proxección no exterior, pois existe "unha dependencia dos transbordos en Madrid". Avogou por "acabar cos localismos" no transporte aéreo e poñer en marcha unha política "seria e coordinada".

Por outra banda, Guillerme Vázquez cuestionou o liderado de Alberto Nuñez Feijoo e pediulle que defina "os seus plans concretos" fronte á crise económica alén de "lamentarse" de cando en vez. Por iso, demandoulle iniciativas nese senso porque "é a principal preocupación dos galegos", e cualificou de "parálise" a situación do sector lácteo e do concurso eólico.

No referente ao tema lácteo, Vázquez constatou "a desaparición de miles de postos de traballo" e asegurou que "non hai resposta de Medio Rural" sobre a oferta dunha cooperativa para facerse coa fábrica de Pascual en Outeiro de Rei.

Sobre o plan eólico, cualificou a súa paralización de "traxedia para o país" e alertou da "irresponsabilidade" do Goberno por suspender un concurso que "creaba emprego, supoñía un investimento de máis de dous mil millóns até 2012 e tiña participación pública". Neste senso, tachou de "escusa" a creación do canon medioambiental "para contrarrestar a participación pública", que estaba previsto que fose do 14 por cento.

Apoio aos Presupostos
Guillerme Vázquez avisou de que o BNG non ten por que ter unha postura "favorábel" aos Presupostos Xerais do Estado e afirmou que a pretensión do goberno español de aumentar os impostos indirectos pode ser un "obstáculo". Subliñou que o Bloque "non ten unha postura apriorística" sobre este documento, aínda que está disposto a "negociar" melloras para Galiza. Avogou por unha reforma de impostos que supoña gravar máis as fortunas e modificar os tramos de capital sobre a renda.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: