Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Teatro

O Centro Dramático Galego estreará 'As actas escuras' na data prevista

O director da Axencia das Industrias Culturais aseguroulle ao equipo da produción que non se vai paralizar pola destitución de Cristina Domínguez.

Redacción - 18:00 10/09/2009
"As dunas" foi a última montaxe do CDG

"As dunas" foi a última montaxe do CDG

O 9 de novembro comezarán os ensaios d'As actas escuras, a última produción do Centro Dramático Galego (CDG). Así llo asegurou este xoves o director-xerente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fernández Fasero, ao equipo artístico da produción. A pesar de carecer de dirección tras o cesamento de Cristina Domínguez a semana pasada, desde Agadic aseguran que o CDG manterá o funcionamento normal ata que se elixa unha nova dirección “dentro deste ano”.

O equipo artístico da próxima produción do CDG, co seu director Xúlio Lago á cabeza, reuniuse co director de Agadic para aclarar unha situación que entendían “confusa e cunha perspectiva complicada”, en palabras de Xúlio Lago. Fasero confirmoulles que todos os prazos e condicións acordados coa anterior dirección serían respectados, e sinalou que en ningún momento se tomou en consideración a posibilidade de paralizar a montaxe.

Estrea o 15 de xaneiro
Deste xeito, os ensaios comezarán o 9 de novembro, a obra estrearase o 15 de xaneiro de 2010 en Compostela e estará de xira ata o 30 de marzo. Na montaxe d'As actas escuras, de Roberto Vidal-Bolaño, participarán once actores e tres actrices, entre os que están Xosé Manuel Olveira “Pico”, Ricardo de Barreiro, César “Goldi”, Xan Cejudo, Teté García e Agustín Veiga.

A herdanza da programación de Cristina Domínguez á fronte do CDG é a montaxe dun texto escéptico co mito xacobeo. As actas escuras foi en 1992 Premio Xacobeo de Textos Teatrais, aínda que non se chegou a representar. Agora farao, coincidindo co Xacobeo 2010.

Funcionamento normal sen cabeza visíbel
A Agadic tamén confirmou que o Salón Teatro contará con programación nos últimos meses do ano. Ademais da celebración da Feira Galega das Artes Escénicas, polo espazo xestionado polo CDG pasarán compañías como Teatro do Noroeste e Teatro Lliure. O Centro Dramático Galego manterase en funcionamento estes meses, aínda que para Xúlio Lago “a ausencia dunha persoa responsable á súa fronte sempre é problemático. Unha estrutura como a do CDG necesita no día a día unha cabeza visíbel”.


2,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: