Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DEBATE SOBRE A DIXITALIZACIÓN DE LIBROS

Google Books: a favor ou en contra?

A polémica sobre o xigante chega á UE, cuxa Comisión decidirá o luns sobre o impacto dun rexistro universal de libros.

Redacción - 11:10 06/09/2009
Google Books pretende crear un rexistro de todos os libros do planeta

Google Books pretende crear un rexistro de todos os libros do planeta

As dimensións do proxecto Google Books, que pretende a dixitalización de todos os libros do mundo, tentando que o acceso sexa completo á maior parte deles, teñen xerado críticas e discusións desde o primeiro momento. Mais é a partir do acordo asinado coas editoras estadounidenses cando o debate virou máis agresivo co xigante da dixitalización de libros.

Ese acordo aínda está pendente de ser aprobado pola xuíza Danny Chin, de Nova York, e este venres precisamente remata o prazo para que os autores e editores se exclúan das condicións do pacto. Nos Estados Unidos xa xerou unha gran polémica, liderada pola alternativa na dixitalización de libros, Internet Archive, que creou a plataforma Open Book Alliance á que xa se sumaron rivais de Google como Microsoft e Yahoo, mentres que Amazon amosou o seu interese. Esta plataforma afirma que o acordo, polo que Google podería dispoñibilizar as obras descatalogadas ou de autor descoñecido, representa unha monopolización da dixitalización de libros, mentres que a empresa se defende afirmando que o acordo é beneficioso para autores e lectores e que non contempla ningunha exclusividade.

Entrementres, a polémica cruzou o charco e xa está presente na Unión Europea, cuxa Comisión ten convocada unha reunión para este luns na que examinar cal é o impacto económico en Europa do proxecto de Google Books. Polo momento o polémico acordo está limitado aos Estados Unidos, mais a Google non oculta as súas intencións de trasladalo ao vello continente se for posíbel. O goberno alemán, pola súa banda xa ten presentado alegacións perante o tribunal europeo, presionado polo Manifesto Heidelberg, que máis de 1000 intelectuais asinaron no pasado mes de Abril contra o xigante da dixitalización, e que vai xa polas 2700 sinaturas. O executivo de Berlín considera que o acordo é contrario ás súas leis e vai contra proxectos non comerciais de desenvolver bibliotecas dixitais, como a recén creada Europeana, e agarda que os autores alemáns estean excluídos del.

Mais non todo son críticas ao proxecto de Google no territorio europeo. Precisamente o principal impulsor de Europeana goberno francés, anuncio hai poucos días que vai colaborar con Google para dixitalizar os fondos da súa Biblioteca Nacional; e o Ministerio de Cultura italiano está a decidir se se comeza co escaneado dos fondos da Biblioteca Nacional Central de Florencia, que tamén ten mostrado o seu interese en entrar no proxecto. Outros participantes europeos inclúen a Biblioteca Pública do Estado de Baviera, a Biblioteca Nacional de Cataluña ou a Biblioteca Bodleiana da Universidade de Oxford.

No noso país, a meirande parte das voces teñense mostrado a favor da colaboración co xigante informático. Así, Galaxia e Xerais están nun proceso de dixitalización dos seus fondos, e a Universidade de Santiago de Compostela tamén se sumou ao proxecto co seu fondo editorial. Mais os editores son conscientes na necesidade de responder conxuntamente ao novo escenario creado pola dixitalización de libros, e nese sentido o presidente da Asociación Galega de Escritores, Alfonso García Sanmartín, anunciou hai pouco un simposio para o mes de novembro para debatir sobre este tema e a piratería.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: