Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Denuncian anos de perda adquisitiva

Queixas pola posíbel conxelación de salarios ao funcionariado mileurista

A CIG critica que "a austeridade de Feijoo só se aplica aos traballadores" e insta a crear medidas "realmente efectivas" contra a crise.

Redacción / Europa Press - 09:45 25/08/2009

"É inmoral que os privilexiados sigan estando excesivamente retribuídos e que intenten reducir o déficit das arcas públicas a conta dos salarios máis baixos da Administración", criticou este luns o secretario nacional da CIG-Autonómica, Manuel Gallardo. "Conxelan o salario dos traballadores públicos pero manteñen o plus dos altos cargos", engadiu Gallardo. "Entrementres, ao persoal laboral e funcionario aínda non lle pagaron o fondo de acción social do ano pasado", reprochou.

O comunicado público da CIG responde ás declaracións da responsábel da Consellaría de Traballo, Beatriz Mato, quen afirmara que esta hipotética conxelación "non estaría fora de lugar" no contexto de crise económica e aludiu á "solidariedade" dos funcionarios. As declaracións de Mato facíanse eco á súa vez das palabras recentes do ministro de Fomento, Xosé Blanco, sobre a posibilidade de que o goberno español adopte esta decisión no marco da administración estatal.

Para a CIG trátase dunha medida "inadmisíbel", toda vez que, subliñan, o persoal da Xunta "leva moitos anos de perda adquisitiva" e, na práctica, "máis da metade" teñen ingresos medios por baixo dos 954 euros ao mes.

Reclaman medidas "realmente efectivas"
Para Gallardo, "a austeridade do goberno Feijoo só se aplica aos traballadores, de aí o contrato millonario con Microsoft ou os 4 millóns que gastan en subvencionar colexios do lobby da Igrexa", acusou. .

Por outra banda, tamén criticou a sindicatos como CCOO., CSIF e UXT --que negociaron subas porcentuais dos soldos en Madrid--, por "limitarse agora" a dicir que a conxelación dos soldos é "normal" debido á crise. Por todo iso, instou a Xunta a "reconsiderar a situación", e urxiulle a tomar medidas "realmente efectivas" contra a crise, "non só medidas populares para lavar a cara e xustificar a súa austeridade".


4.89/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: