Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Malestar nas denominacións de orixe

No canto de reforzar a viticultura de calidade, permiso para purrela

O BNG critica a confusión que o goberno español inducirá coa creación da "Indicación Geográfica Viñedos de España". O SLG ve un "atentado" aos viños de calidade.

Redacción - 19:15 24/08/2009

O Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, aprobou recentemente a orde que autoriza e regulamenta a chamada "Indicación Geográfica Viñedos de España". Baixo ese caixón de sastre permitirase o etiquetado dos chamados viños de mesa que en grandes cantidades se producen en moitas zonas do Estado e que mesmo contarán así coa beizón oficial do goberno español a nivel internacional.

Sobre o asunto, Xosé Manuel Pérez Bouza, senador ourensán do BNG, advertiu da "importante confusión" que esta nova etiqueta pode xerarlle aos consumidores "menos expertos no consumo de viño" e que se cadra vanse inclinar por consumir viños de menor calidade e que pasan menos controis, atraidos por esa denominación". "Vaise protexer os viños de mesa fronte aos viños de denominación de orixe de Galiza que verán danado o seu prestixio", laiouse Pérez Bouza.

Cesión a multinacionais do viño de baixa calidade
O senador nacionalista entende que o goberno español "cede unha vez máis" ás "presións doutros territorios" e engadiu que "cede ás presións das grandes adegas, dos grandes produtores" que producen "a inmensa maioría do viño deste tipo, viño de mesa, de pouca calidade e que querían un selo que os amparar para poder saír aos mercados internacional".

Da mesma opinión son desde o Sindicato Labrego Galego, denunciando que é unha concesión ás "grandes multinacionais do viño", que son as que levan tempo facendo presión no sentido de "darlle aos viños de mesa aspecto de viños de calidade e viños controlados, aínda que só sexa como imaxe para vestir viños de baixa calidade".

"Supón un atentado ao noso modelo de viticultura de calidade baseado na terra, nos microclimas, nas variedades autóctonas e nos rasgos culturais propios, que sumado a medidas como a liberalización das plantacións e ás axudas á promoción en países terceiros (extracomunitarios), no marco da OCM vitícola, suporán a desaparición de boa parte da vitivinicultura de calidade", láianse.

A nova Indicación "Vinos de España" inclúe todos os términos municipais onde consten viñedos inscritos nos rexistros vitícolas das comunidades autónomas de: Andalucía, Aragón, Illas Baleares, Canarias, Castilla-La Mancha, Cataluña, Extremadura, Madrid, Murcia, Nafarroa (exceptuando 8 concellos) e a Comunidad Valenciana.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: