O festival de Antas de Ulla volve na segunda edición poñer en valor o patrimonio histórico da comarca.
Cartel de FestiUlloa 2009
O 15 de agosto é o día que máis festas, verbenas e festivais se celebran en toda Galicia. Non todas elas teñen a comida e o baile como eixos argumentais. En Antas de Ulla organizan o FestiUlloa, unha cita coa música clásica en espazos de interese arquitectónico da comarca. Pezas de Bach, Mozart, Bartók e Bocherini soarán a partir das oito e media do sábado na eira do pazo de Vilane.
Os intérpretes serán Rudi Esteban ao violín, Cristina Nogueira ao chelo, Jorge Belda á viola e Alberto Vidal tamén ao violín. O recital abrirase coa Suite Nº 3 en Do Maior para Chelo, de Bach, interpretada por Cristina Nogueira. Seguirá o Cuarteto nº19 en Do Maior, "A Disonancia", de Mozart. Logo dunha pausa, continuarán con dúos para dous violíns, de Bela Bartok e "Música nocturna das rúas de Madrid" de Luigi Boccherini.
Música e patrimonio histórico
O festival é unha iniciativa da asociación Quercus Sonora, coa que pretenden promocionar Antas de Ulla a través da música clásica. O atractivo de FestiUlloa atópase en combinar unha proposta musical de calidade co atractivo do espazo no que se interpreta. Desta volta o festival permitirá ao público visitar o pazo de Vilane.
Na primeira edición, celebrada hai dous anos, os concertos desenvolvéronse en igrexas da comarca. O pazo de Vilane é unha construción do século XVII que pertence desde hai dez xeracións á familia Varela-Portas. Na actualidade é a sede dunha empresa agrícola que se dedica á cría de galiñas poñedeiras en liberdade e ao cultuvo de frambuesas.