Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Política lingüística

"Ilexítimos e fraudulentos", di a CIG dos resultados da "enquisa-trampa" de Educación

Recordan que o decreto en vigor de uso e promoción do galego no ensino estabelece a impartición do 50% en galego.

Redacción - 17:00 31/07/2009
Anxo Louzao, este venres

Anxo Louzao, este venres

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, afirmou este venres que os resultados da "enquisa-trampa" da Consellaría de Educación "para reducir a presenza do galego no ensino" son a culminación dun proceso "ilexítimo e fraudulento".

Consideran dende o sindicato nacionalista que a consulta foi "pensada exclusivamente para xustificar unha política lingüística de agresión contra o noso idioma", e que está "enmarcada no odio que o actual Goberno está amosando contra todo o que nos é propio e que nos identifica como galegos, do cal o idioma é a peza angular".

A fin última é "exterminar o galego", mediante medidas como a "pretensión de derrogar" o decreto de uso e promoción do galego no ensino, que estabelece a impartición do 50% na nosa lingua. "Estamos ante os datos que a Consellaría preparou desde o momento e que preveu realizar a enquisa", sinalou Louzao.

Este decreto, lembrou o responsábel da CIG, está aínda en vigor, conta con todos os avais legais e co máximo consenso posíbel: é un Decreto que emana do Plan Xeral de Normalización, aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004 e que contou co aval positivo de todas as instancias educativas, incluídos os representantes dos pais e nais, elixidos democraticamente.

Respostas condicionadas
"Esta enquisa foi preparada para obter este resultado: por un lado impedía que os pais ou nais puidesen posicionarse a prol dun ensino en galego ou maioritariamente en galego, (só se preguntaba por materias troncais) polo que o máximo que se podía consignar era a metade das materias en galego"

"Por outro introducíase a equívoca cuestión sobre o ensino en inglés, de maneira que o resultado fose a redución de número de horas en galego para dar cabida á disposición favorábel dos pais ao ensino dun determinado número de materias en inglés", declarou Louzao.

Neste senso, a CIG cre que se pretendía "contentar un reducido número de persoas e os sectores máis reaccionarios e antigalegos da sociedade". Pensan que "o reforzo do ensino do idioma estranxeiro pasa pola redución do alumnado por aula e non por dificultar a compresión e estudo doutras materias porque se vehiculizan noutro idioma".

Porcentaxes de participación "enganosas" e incidencias
Ademais, respecto á participación, dende a central sindical denuncian que son "porcentaxes enganosas", debido a que a participación dos centros concertados -"que destacan polo incumprimento da normativa do uso do galego no ensino"- "foi, aproximadamente, dun 90%", o que "distorsiona" os dados xerais.

"A participación nos centros públicos, nomeadamente nos centros de Secundaria, foi moito menor o que pon tamén en entredito os resultados da enquisa", salientan, o que levará na práctica -din- a que sexan "os centros concertados os que decidan sobre a presenza do noso idioma no ensino público".  

Na súa comparecencia, Anxo Louzao lembrou as incidencias que rodearon a consulta, que "botou por terra o consenso acadado no seu día": "Prohibíuselle ao profesorado o exercicio dos dereitos fundamentais, coa intención de que os pais non coñecesen o verdadeiro alcance da consulta, sobrecargou de traballo os centros educativos xusto no final de curso, non cumpriu ningún mecanismo de control democrático, non reuniu as garantías de participación de todos os pais e nais ou non cumpriu os prazos estipulados para a súa publicación".

"Austeridade" do novo Goberno
Estas "incidencias", afirmou Louzao, "complétanse" co feito de ser "manipuladas" as enquisas por unha empresa privada, "sen ningún tipo de control público". "Vulnerouse a Lei de Protección de Datos, os dereitos fundamentais e a Lei de Procedemento Administrativo, o que levou a que tivésemos que xudicializar todo este proceso", dixo.

"O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e o goberno de Núñez Feijoo minusvaloran e desprezan o noso idioma, para consumar a súa planificada agresión, esquecen as súas declaracións de austeridade económica e non dubidan e despilfarrar diñeiro público para derrogar unha norma lexítima, democrática e avalada polo maior consenso que nunca houbo arredor do noso idioma", engadiu.

Por último, o secretario nacional da CIG-Ensino anunciou que seguirán exixindo o mantemento do Decreto, que o galego siga sendo a lingua da Administración Educativa Galega, "como única vía posíbel para garantir o avance na normalización do noso idioma e salvagardar os dereitos lingüísticos do alumnado galego e dar cumprimento á Carta Europea das Linguas e o Plan Xeral de Normalización".

Por este motivo, reiterou Louzao, a CIG -que forma parte da plataforma 'Queremos galego'- "vai participar nas iniciativas que desde ela se emprendan, nomeadamente a Iniciativa Lexislativa Popular" e as mobilizacións previstas para o outono, "encamiñadas a paralizar as agresións contra o noso idioma".


4,6/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: