Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
A ENQUISA DA LINGUA NON ACLARA NADA

Pouco máis da metade dos pais opinou, a maior porcentaxe na privada

Isabel G. Couso - 13:10 31/07/2009
Anxo Lorenzo, este venres, compareceu só

Anxo Lorenzo, este venres, compareceu só

Nunha comparecencia na que o secretario xeral de Política Lingüística apareceu só, sen a compaña do conselleiro de Educación, Anxo Lorenzo debullou os resultados da enquisa sobre a lingua. De primeiras subliñou a participación, que considerou "dispar". Globalmente este dato elévase até o 58,7% das familias, se ben foi máis elevada nos ciclos de Educación Infantil e Primaria, onde chegou até o 70,1% e ao 75,7% respectivamente. Mentres, foi menor a participación en Educación Secundaria (38,4%) e en Formación Profesional (33,1%). Con todo, Lorenzo aclarou que, porcentualmente, foi moito máis elevada a participación nos centros privados, seguidos dos concertados e finalmente dos públicos.

Unanimidade só para o inglés
Cuns resultados que se ofrecen unicamente desglosados por ciclos educativos e non globais, a estatística que ofrece maior garantías e revela a unanimidade dos pais refírese ao inglés. A favor de que se impartan contidos neste idioma amósanse o 91,5% das familias de Infantil, o 75,2% das de Primaria, o 63% de Secundaria e o 63% de Formación Profesional. Cuestionado sobre as posibilidades que este desexo tería para converterse nunha realidade, Lorenzo adiantou a dispoñibilidade do goberno, se ben confirmou que este non pode ser un obxectivo a curto prazo.

Entre o bilingüismo e o castelán

En Educación Infantil, a meirande parte dos pais prefire que os seus fillos aprenda a ler e escribir en galego e castelán (53,2%). Con todo, suman outro 37% os que optan unicamente polo castelán, mentres que son o 8,7% os que a esta pregunta contestan "só galego".

En Primaria, á cuestión de "En que linguas preferiría que o seu fillo cursase as materias troncais?"deixa o seguinte resultado: o 37,6% todas en castelán; o 26,6% prefiren unhas en galego e outras en castelán; o 17% a maioría en castelán; o 12,5% todas en galego; e o 5,8% a maioría en galego.

En Secundaria, á mesma pregunta ofrece resultados parellos: o 33,8% optan por todas en castelán; o 23,6% unhas en galego e outras en castelán; o 19,8% todas en galego; o 14,7% a maioría en castelán; e o 7,7% a maioría en galego.

Nos ciclos formativos, a maioría dos consultados (un 52%) opta por un emprego das dúas linguas en todas as materias; o 25,1% opta por só galego; o 22,6% só castelán; e un 11% deixaron sen resposta esta cuestión.

Modificación do Decreto
Sen deixar máis dun cuarto de hora para as preguntas dos xornalistas, Anxo Lorenzo asegurou que as conclusións que se poden tirar desta consulta "non serán vinculantes" e insistiu unha e outra vez en que "isto non foi un referendo, senón unha consulta para pulsar a opinión das familias". Nesta liña, subliñou que o novo decreto sobre o ensino que se elabore será "plural, sen ningún tipo de imposición e reflectirá a diversidade lingüística presente en Galiza".

Con todo, non quixo adiantar data ningunha para a súa elaboración e precisou que nada se fará ao respecto en agosto, porque "son malas datas" para cuestións vencelladas co ensino, por mor dos períodos vacacionais. Así, deixou para setembro o inicio do proceso que, dixo, contará con todos os axentes implicados no ensino, aos que tamén se lles fará chegar o resultado da enquisa.

Contratación dunha empresa e custe
Lorenzo foi especialmente belixerante á hora de falar do custe que tivo este traballo. Confirmou, tal e como xa adiantara a Mesa pola Normalización, a contratación dunha empresa (Obradoiro Socioloxía) para a decodificación dos datos. Esta, á súa vez, subcontratou a outra compañía para alugarlle un lector óptico que permitise acelerar todo o procedemento. O secretario xeral de Política Lingüística asegurou que estas contratacións foron necesarias porque, do contrario, todo o proceso tería unha duración de máis dun ano e así "resolveuse nun mes".

Ademais, adiantou as cifras oficiais do custe que tivo a consulta. Segundo explicou, esta cantidade ascendeu finalmente a 160.995 euros, un montante económico que se repartiu entre a impresión da enquisa, a dixitalización dos datos ou a publicidade. Lorenzo recalcou que esta cifra supón 48 céntimos por alumno. Neste sentido acusou "a algunha organización" de dicir "mentiras e estupideces" ao respecto, "que nada teñen que ver coa realidade".

Unha enquisa chea de sombras
Máis alá de que o secretario xeral asegurase que os datos desta consulta non serán vinculantes, hai que subliñar a premura, tanto na súa elaboración (no comezo das vacacións, cos alumnos preparando exames...) como na súa presentación. A correspondente rolda de prensa convocouse o último día do mes de xullo, un venres, deixando pouco tempo para as posíbeis reaccións dos diferentes axentes sociais implicados no ensino.

Ademais do controvertido que foi todo o procedemento que agora nos leva a coñecer este resultado, a información que ofrece atende exactamente ás preguntas realizadas ás familias. Non hai, pola contra, ningún tipo de cruzamento de datos do que puideramos extraer outro tipo de conclusións, como a escolla preferente dos pais en función do rural ou urbano ou dos centros públicos ou privados, por exemplo. Ao respecto, Lorenzo asegurou que "estes son os datos que hai e non se buscarán máis".

Anxo Lorenzo xustificou a ausencia do conselleiro de Educación na presentación pública dos resultados asegurando que el é "o máximo responsábel da política lingüística do país" e polo tanto, "representante do goberno". Así, nunha exacta media hora de comparecencia, deixou a porta aberta a que cada quen extraia as súas propias conclusións e adiantou a súa: "a enquisa reafirma o carácter bilingüe da sociedade galega".


Ligazóns

3,31/5 (32 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo1: Anxo Lorenzo valora os resultados da consulta

Vídeo 2: Responde ás preguntas dos xornalistas

As enquisas, debidamente organizadas, están amoreadas na planta baixa da Consellaría de Educación
As enquisas, debidamente organizadas, están amoreadas na planta baixa da Consellaría de Educación
Malia a súa ausencia na rolda de prensa, o conselleiro participou seguidamente nunha concentración de repulsa ao último atentado
Malia a súa ausencia na rolda de prensa, o conselleiro participou seguidamente nunha concentración de repulsa ao último atentado