Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O futuro da industria musical do país (I)

A morte do CD obriga o negocio da música a buscar novas vías

Falamos cos responsábeis de Falcatruada, Nordesía e A Regueifa Plataforma sobre a crise do sector discográfico e as mudanzas en proceso no modelo de negocio.

M. del Río - 09:00 03/08/2009

A industria musical do país tamén se enfronta a unha crise. Pero non é só un mal momento económico, senón que tamén está a sufrir unha crise de identidade, de modelo. Parece definitivamente demostrado que o vello sistema de identificar éxito con venda de discos está esgotado, e o acceso directo á cultura que permiten as novas tecnoloxías precisa de novas estratexias, tanto para os artistas como para as produtoras e promotoras.

Segundo explica Sergio Lago, director de Falcatruada, "hai unha crise de financiamento e de actividade". A situación de parálise que atravesa o sector débese en parte á dependencia que existe das institucións públicas e da súa participación. "Non estamos nunha boa época", recoñece.

O responsábel de Nordesía Producións, Quique Costas, a crise das industrias culturais e das musicais en particular vai ligada á crise xeral, pero é aínda máis "profunda porque obviamente as administracións nun momento de recorte prefiren facelo en materia de cultura e espectáculos". De feito, detectou un importante descenso nas contratacións das festas de verán das principais oito cidades do país, con baixas de "entre o 20 e o 40 por cento", o que "reduce as expectativas doas industrias do sector".

Non o ve así Noel Feáns, da Regueifa Plataforma. "Nunca se editaron tantos discos como agora e hai moita vida ao vivo", salienta. Engade que a "crise da industria tradicional beneficiou enormemente os mercados menos comerciais", como o galego, e situounos "en igualdade de condicións, democratizando canles que antes estaban reservadas ás multinacionais".

Sobre se é preciso reformular a estratexia da industria, dende Falcatruada aseguran que o modelo 360º, de integrar todo o negocio arredor dun proxecto musical en diferentes soportes "lévanse facendo aquí dende hai moito tempo, ese debate está un pouco pasado". Sobre a virada que está a dar un mercado tan potente como o británico cara á venda de música en formato dixital, Lago asegura que "é un mercado moito máis maduro", pero "aquí non existe" aínda o costume de mercar música por internet e non hai "alternativa á venda tradicional de discos".

Quique Costas opina que é "inevitábel" mudar, porque "o mercado está en permanente cambio e a industria ten que adaptarse". Considera que a crise do disco como obxecto "é fondísima e sen retorno", e que se reducirá a simple obxecto de coleccionista. Tamén apunta que "no Reino Unido a xente está disposta a pagar por descargar, pero no Estado Español non", polo que é "ineludíbel que se produza un cambio de mentalidade".

Ademais, asegura que centrarse nos concertos é "complicado", porque en Galiza "están promovidos por administracións públicas ou caixas de aforros". Isto provoca que a xente non estea educado na "necesidade de pagar unha entrada para asistir a un espectáculo". Avoga por que as empresas asuman "o rol de promotoras" e que as programacións non dependan "do gusto do concelleiro de turno". Para que un concerto sexa rendíbel as entradas deberían de custar "entre 30 e 60 euros".

Pero a crise tamén está a provocar unha caída da venda de billetes, constata o responsábel de Nordesía. O problema é "manter os concertos de caché medio" fronte aos macroconcertos que teñen o cheo asegurado. Ademais, afirma que a crise, por un lado, frea o gasto público en música, pero, por outra banda, ten "o efecto beneficioso" de que os artistas están dispostos a reducir o seu caché. Tamén as empresas se verán obrigadas a "reordenar o sector".

Para Noel Feáns, esta mudanza é necesaria: "Non lles queda outra e de feito as grandes xa están metidas de cheo". Neste senso, as multinacionais "asinan os denominados contratos 360º, onde non só quedan cunha parte da venda dos discos senón tamén da venda de entradas, merchandising e nalgúns casos até dos dereitos de imaxe". Mais iso, ao seu xuízo, provoca que a nova industria "vai ser aínda mais leonina que a anterior. Por sorte, coas licenzas libres, Internet e a autoedición esta xa non é a única vía". Ese será precisamente, o tema da seguinte parte desta reportaxe: Hai lugar para os dereitos de autor tradicionais en plena expansión do copyleft?


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: