Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LIBERALIZACIÓN DO SECTOR POSTAL

Correos, un proceso de privatización que leva parella a perda de carteiros

Os traballadores do servizo postal maniféstanse contra a sobrecarga de traballo e en demanda da contratación de novo persoal para cubrir as ausencias.

Isabel G. Couso - 12:35 28/07/2009
En Galiza, un carteiro pode chegar a atender até tres mil persoas

En Galiza, un carteiro pode chegar a atender até tres mil persoas

Coa vista posta na liberalización total do sector postal en 2011, o servizo de Correos está a experimentar continuos cambios que se enmarcan no pousado proceso de privatización. As consecuencias comprobámolas, cidadáns e traballadores, a diario. Entre elas, os sindicatos subliñan a perda de calidade no servizo ou o recorte de dereitos e poder adquisitivo dos cadros de persoal.

Nesta conxuntura, sucédense as protestas e manifestacións dos traballadores, que veñen mobilizándose reiteradamente nos últimos meses. Este martes, baixo a convocatoria da "Coordinadora Galega de Delegados de Correos contra os recargos", que integra a delegados da CIG, CGT, CCOO, CSI-CSIF, Sindicato Libre e USO, mobilizáronse en Compostela reclamando a "contratación de novo persoal para cubrir as ausencias e na defensa dun servizo público de Correos de calidade". Exixen que se cubran as baixas de corta duración con contratacións, xa que na actualidade son os propios empregados os que teñen que dobrar o seu traballo para suplir a falta dos compañeiros.

Con todo, os sindicatos quixeron desligar esta protesta, que tivo un considerábel carácter lúdico ao organizarse a xeito de convocatoria fúnebre, do proceso de privatización no que está inmerso Correos. "A día de hoxe somos unha empresa 100% pública", recorda Anxo Álvarez, da CIG, "o goberno español está obrigado a rexerse pola lei postal e ofrecer un servizo público universal para o que non hai escusas". Ademais, recorda que o feito de que non se fagan novas contratacións leva canda si un empeoramento do servizo que ofrecen: "temos unha carga de traballo sobredimensionada, cada vez son máis as zonas nas que temos que repartir e logo somos nós os que temos que dar a cara na rúa ante os cidadáns".

Cara unha xestión privada, que xa ten as súas consecuencias
Correos é, a día de hoxe, a empresa máis importante do Grupo Patrimonio, conxunto de compañías controladas pola Dirección Xeral do Patrimonio do Estado, ao que xa pertenceron no seu día Telefónica ou Tabacalera (hoxe Altadis). Malia que o proceso de privatización comezou hai xa varios anos a instancias europeas, sindicatos como a Confederación Xeral do Traballo (CGT) subliñan que a Directiva impón a liberalización do sector, o que non obriga a privatizar necesariamente Correos.

Os defensores da privatización falan dunha maior eficiencia e calidade, da baixada dos prezos ou da necesaria conversión nunha empresa máis competitiva e moderna. Pola contra, os seus detractores, subliñan que as súas consecuencias serán moito máis negativas. Para empezar, falan dun servizo máis caro (como aconteceu noutras empresas públicas que pasaron a mans privadas). Tamén adiantan o peche de oficinas non rendíbeis, o que xa está a ter graves consecuencias no rural galego, ou o aumento do número de habitantes por punto de atención. Ademais, os traballadores de Correos terán cada vez que atender a unha maior ratio de poboación, o que, á súa vez, contribúe a unha peor atención.

Se ben depende de cada zona xeográfica concreta, no caso de Galiza, un carteiro pode chegar a atender a tres milleiros de persoas. Así nolo asegura Anxo Álvarez, quen subliña que a proporción é cada vez máis elevada e require unha maior entrega. No Estado Español, segundo datos do CGT, a proporción de traballadores/habitantes aumentou un 10% pasando de 613 hab/trab en 1997 a 673 en 2005. No referente á consecuente merma de calidade no servizo, un informe encargado polo Ministerio de Fomento deixa a Correos nos últimos lugares en canto a prazo medio de entrega, rede de recollida e entrega e traballadores por quilómetro cadrado e habitante.

A estas consecuencias únense o recorte de dereitos aos traballadores: subas salariais por debaixo do IPC (mentres que os ingresos de Correos por traballador se duplican), aumento da parte do salario condicionada ao absentismo, flexibilidade ou aumento da precariedade do persoal. Así as cousas, queda agora por ver cal é a resposta sindical e cidadá que recibirá, de aquí até o 2011, todo este proceso de privatización. Co beneplácito ou oposición de ambos, conxugarase o futuro escenario liberalizado da entrega postal.


Ligazóns

5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os traballadores manifestáronse reiteradamente nas diferentes cidades galegas
Os traballadores manifestáronse reiteradamente nas diferentes cidades galegas
Convocatoria da última manifestación convocada polos sindicatos
Convocatoria da última manifestación convocada polos sindicatos
Unha das súas queixas é que se deixan sen cubrir as baixas de curta duración
Unha das súas queixas é que se deixan sen cubrir as baixas de curta duración
Outra das demandas é que o mantemento dos seus dereitos laborais
Outra das demandas é que o mantemento dos seus dereitos laborais