Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DO 27 DE XULLO AO 1 DE AGOSTO

O Festiclown atopa o seu espazo en Vigo

A sección oficial do festival está conformada unicamente por mulleres: Cristi Garbo, Mundo Mandarina, Claudia Contín ou Patricia Pardo.

Redacción - 09:30 27/07/2009

A edición 2008 do Festiclown chamouse Mundoclown; acababan de chegar a Vigo, que os acolleu despois de que en Compostela non atopasen o apoio que esperaban: "non entendían que o Festival duraba máis ca sete días, dura todo o ano, e nel constrúense redes, proxectos...". Porén, tratouse apenas dun ensaio, un festival improvisado en certa forma, pois os organizadores non puideron realizar durante os meses previos o traballo de base que é preciso. Hai un ano dicíanos Iván Prado que "contra vento e diarrea, resultou un éxito completo de público, abarrotamos as prazas e conseguimos que a xente se sentise identificada co festival. E deunos pistas tamén sobre por onde vai ir a edición do 2009, que esperamos que sexa en Vigo, e que vai ter moito que ver coa participación cidadá e coa relación coa cidade".

Chega, por fin, a primeira edición do Festiclown na capital do sur, que se desenvolverá entre o luns 27 de xullo e o sábado 1 de agosto. Por unha parte disfrutaremos da Sección Oficial, formada exclusivamente por compañías e artistas femininas, e onde o público poderá valorar o espectáculo. Nesta sección atoparemos a Cristi Garbo, dende Barcelona, que representará Nosferata, a vampira mentalista máis tronchante, á compañía Mundo Mandarina, que asistirá dende Arxentina presentando Un Ramón de Mandarinas, Claudia Contín, experta en mimo e dialéctica corpórea, que ven dende Italia a presentar Los Habitantes de Harlequinia e Patricia Pardo, dende Valencia, con Augusta. Todas elas formarán parte desta sección feminina.

Outra das seccións da Mostra Internacional será 'Esto non é Walt Disney', destinada ao público infantil e onde os máis pequenos disfrutarán dos espectáculos Màgia, que casualidad! da compañía Xiana en colaboración con Mundo Mandarina, El Gran Show de la Bandita Alegre da compañía chilena La Bandita Alegre e Satrup de Circ Bover .
 
Por último, tamén contaremos coa sección 'Festiclown & Amig@s' onde actuarán as diferentes compañías e profesionais que apoiaron o Festiclown dende os seus inicios, entre elas Os 7 Magníficos máis Un coa obra O gordo e o calvo van ao médico, Pablo Muñoz con Pablo Superstar, e Leo Bassi con Utopía que terá lugar o venres día 31 ás 22:00, no Auditorio Centro Cultural Caixanova.

Espectáculos de 'pasar a gorra'
O Festiclown tamén contará con dúas seccións clásicas xa na programación de cada ano. O Maraclown, un espazo que apoia a todas aquelas compañías que realizan os seus espectáculos nas rúas baixo a filosofía de "pasar a gorra", e que contará este ano con máis de 100 pases polas distintas rúas e prazas de Vigo, levando así a orixinalidade e o arte a cada recuncho.

Apoio ao pobo palestino
O apartado social, unha das señas de identidade do Festiclown, tamén estará presente un ano máis, xa que o diñeiro que se recade irá destinado á realización dun Festival de Pallasos en Palestina, co obxectivo de levar o sorriso ás persoas que viven nesta zona de conflito, e apoiando así a tódolos territorios palestinos que están a sufrir continuamente a ocupación e represión da man do Estado Israelí. Para iso, dentro deste programa celebraranse unha serie de actividades co obxectivo de recadar fondos e denunciar o que está a pasar, entre as que se atoparán a realización dunha Gala Solidaria por Palestina, e a proxección dos documentais Maxi, Traxi que Traxi e Luna Roja: Diario de Guerra de un Payaso, así como unha mesa redonda que levará por título A risa rebelde fronte a risa fácil.

"O Festiclown non é só unha programación para rir nas prazas, é unha panca para transformar o mundo" (Entrevista con Iván Prado)


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: