Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DEBATE 'O GALEGO NA TELEVISIÓN'

"Falta compromiso na CRTVG na cuestión lingüística"

Ramón Novo, Belén Regueira, Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira participaron nunha mesa redonda no Congreso de Estudos Galegos.

Redacción - 11:45 15/07/2009

A televisión marca o modelo dunha lingua, aquí, en Gales, e tamén en España; "a Academia ten a autoridade, pero a os medios teñen o poder lingüístico", díxose na mesa. Ramón Novo, lingüista da TVG, a xornalista Belén Regueira, e os profesores Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira participaron na mesa, na que se falou da corrección do galego empregado nas emisións da canle pública de Galiza e a súa influencia na sociedade, partindo da diagnose de que a lingua empregada está lonxe de ser aceptábel, principalmente pola transposición de estruturas do castelán e a ausencia en moitos locutores dun galego xenuíno (pobreza fonética, prosodia incorrecta...), aínda que os participantes concordaron en que "non hai un 'galego da TVG', senón que hai moitos distintos".

Belén Regueira lembrou a necesidade de fixar un modelo de lingua para a televisión, pola importancia que ten para a sociedade. Este modelo, para a xornalista, debe ser "correcto, xenuíno, claro, eficaz e flexíbel para as distintas situacións de comunicación que se producen nun medio de masas". Regueira falou claro e falou ben, dixo que na CRTVG "falta compromiso na cuestión lingüística" e explicou que "até hai tres anos non houbo servizo de planificación lingüística, e agora está transferido". Así mesmo, reclamou a redacción dun libro de estilo que sirva de referencia para todos os medios e falantes, cumprindo o mesmo papel dos libros de estilo da Axencia Efe para o castelán e do da TV3 para o catalán.

Tamén incidiu noutros factores que fan que a lingua empregada na TVG, sobre todo en programas e informativos, non sexa tan correcta e natural como debería. Entre eles, o feito de que a primeira lingua de traballo da CRTVG (tanto nas relacións internas como nas externas) sexa o castelán, ou que a meirande parte do traballo que os lingüistas teñen cos xornalistas sexa sobre a lingua escrita e non sobre a falada. Regueira tamén fixo autocrítica e recoñeceu que entre os redactores o nivel de autoesixencia non é o necesario.

Belen Regueira fixo autocrítica, pero as críticas máis duras contra os xornalistas chegaron dende a banda dos lingüistas, que denunciaron a pobreza do galego de moitos dos locutores da TVG e tamén o uso de prosodias extrañas ao galego, froito da repetición de modelos de locución empregados en televisións doutros países, comezando polas canles españolas. Reclamaron que existan "criterios unívocos no referido á lingua" na contratación de xornalistas na CRTVG, e que se sitúe en postos de maior relevancia (máis tempo en cámara, en horarios de máis audiencia, na presentación dos informativos...) ás persoas que teñan un galego máis correcto e xenuíno e que poidan ser un referente lingüístico. Así mesmo, solicitáronlle á Facultade de Xornalismo da USC que "oriente aos alumnos nun modelo de locución axeitado e galego".

Consulta aquí o programa completo do Congreso de Estudos Galegos


4.76/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: