Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
IX Encontro de Embarcacións tradicionais

Ondas de festa no mar de Muros

Éxito de participación no inicio da cita mariñeira, á que lle dan cor os propios muradáns, vestíndose ao xeito tradicional.

Redacción - 19:30 10/07/2009

Aproveitan os organizadores deste IX Encontro de Embarcacións Tradicionais para salientar o impacto económico do evento, que xa deixou a comarca de Muros sen ningunha praza hoteleira libre para toda a fin de semana e ateiga xa o comercio da vila mariñeira.

Explican desde a entidade promotora, a Federación Galega pola Cultura Marítima, que as embarcacións tradicionais atracadas nos peiraos superan xa os dous centenares, con máis de 700 tripulantes chegados de toda Europa. Ao tempo, agradecen o traballo de ducias de mozos voluntarios "que traballan arreo para atender tanto o enorme comedor instalado baixo unha carpa como os innumerábeis actos, obradoiros, exposicións, etc., dos que se pode gozar estes días en Muros".

"O Muros desta fin de semana parece, por momentos, o mesmo Muros de principios do século XX que se reflexa no quinto número da revista Ardentía, que aparece estes días coincidindo co IX Encontro", explican ao tempo. A estampa é posíbel grazas a que os veciños contribuíron á festa vestíndose ao xeito tradicional, ao tempo que poden contemplarse nas prazas os secadeiros de congro, as embarcacións, os aparellos de pesca, as nasas e mesmo as redes decorando os balcóns, ao tempo que no mar abrollan as velas tradicionais.

Carpintería de ribeira
Esta sexta feira as xornadas técnicas levaron ao Encontro o presidente da Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira, Xerardo Triñanes, quen defendeu a construción de embarcacións de madeira tanto de lecer coma de traballo.

"As embarcacións tradicionais de lecer en madeira ocupan xa o 30% da actividade dos estaleiros galegos, e esa cifra podería seguir incrementándose, coa súa evidente repercusión na creación de postos de traballo", expúxose durante o debate. Apuntouse ao fío que existe o errado convencemento de que a construción en madeira esixe un custe de mantemento superior á fibra de vidro, idea que Triñanes rexeitou. Segundo asegura este experto o colectivo difundirá un estudo que conclúe que a construción en madeira laminada con resinas epoxi "ten un mantemento incluso inferior ao poliéster".


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: