Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'Relato dun estalido xordo'

O Premio Biblos atopa en Arzúa unha nova promesa literaria

O xornalista arzuán Pablo García, redactor de Vieiros, poderá rematar a súa novela, co consello e na compaña de Manuel Rivas.

Redacción - 22:25 10/07/2009

Pablo García Martínez, xornalista nacido en Arzúa hai 23 anos, é o gañador da quinta edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia para autores de menos de 25 anos que se fallou este venres no transcurso dunha cea que tivo lugar na Casa Grande do Bachao, en Compostela. Presentou unha obra titulada provisionalmente 'Relato dun estalido xordo', que se converterá nos vindeiros meses nunha novela, nun proceso no que Pablo García contará coa axuda de Manuel Rivas, que exercerá de titor. A novela publicarase contra os últimos meses do ano en galego e en castelán. Zeltia Regueiro Fuentes, de Cambre, foi finalista do premio.

O premio achégalle ao gañador unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, así como a estadía ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela. Pablo García estudou xornalismo en Euskadi, Compostela e Coimbra, e na actualidade traballa como redactor en Vieiros.

O xurado, formado por Manuel Rivas, Jesús Flores, Berta Dávila e Tucho Calvo, considerou que a obra é "potencialmente moi interesante" e que a futura novela reflictirá "o mundo dos adolescentes dunha pequena vila do interior de Galicia", que ben podería ser Arzúa. A trama, contextualizada dentro da cultura pop, conta a historia dunha noite de troula dun grupo de mozas e mozos sumidos nas transformacións da adolescencia. En palabras do xurado, "os pensamentos que secundan cada un dos seus inseguros xestos ansiosos de aprobación dan forma a un mundo propio e singular". Para o xurado, o traballo desenvolvido polo autor desde o esquema inicial deica agora e a súa dedicación alentan o descubrimento duna nova figura no panorama das promesas literarias galegas.

Os catro gañadores anteriores
As edicións anteriores foron gañadas por Iria López Teijeiro, a quen tutelou Xosé Luís Méndez Ferrín coa novela Meniña de cristal; Alberto Ramos, que tivo para a súa Dor pantasma a Darío Xohán Cabana como titor; Patricia Casas que contou coa axuda de Helena Villar para concluir Teselas de cidade, e Berta Dávila que recibiu de Agustín Fernández Paz a axuda para rematar a súa Bailarei sobre a túa tumba.


4,67/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: