Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
'QUEREMOS GALEGO'

Nace unha plataforma a prol da lingua con vocación de pluralidade

O primeiro obxectivo será o de impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular que defenda os dereitos lingüísticos dos galegofalantes.

Redacción - 12:00 08/07/2009

O rexeitamento á actual política lingüística do goberno galego une e os diferentes colectivos que, dun ou doutro xeito, defenden o noso idioma queren traballar de xeito coordinado. Ese é o motivo polo que se está a fraguar o nacemento dunha nova plataforma social, Queremos Galego, unha entidade que pretende xuntar forzas na defensa dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes. A asemblea inicial celebrouse este luns en Santiago de Compostela, unha xuntanza á que asistiron medio cento de asociacións e colectivos de diferentes ámbitos (políticos, sindicais, culturais, ecoloxistas, organizacións de cooperación, centros sociais...), ademais de participacións individuais.

Logo desta primeira toma de contacto, a cita constitutiva quedou fixada para o vindeiro martes 14 de xullo, cando se conformará oficialmente a plataforma, se dotará dun organismo executivo ou se tomarán decisións sobre os propios criterios de organización e traballo. Con todo, sobre a mesa xa quedaron propostas e ideas que, con toda probabilidade, se converterán nos obxectivos a curto prazo da entidade. O primeiro destes retos será o de botar a andar a recollida de sinaturas para defender no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que garanta o dereito do uso do galego nos diferentes ámbitos sociais, fundamentalmente alí onde este puidera ser conculcado, como por exemplo no eido administrativo. Con todo, os termos exactos desta ILP quedaron sen concretar, á espera da constitución da propia plataforma.

Vocación de pluralidade
A intención coa que nace esta nova entidade é a que representar a heteroxeneidade e a pluralidade dunha sociedade civil que, neste momento en que percibe certa agresión sobre os dereitos lingüísticos, decide unirse e traballar conxuntamente. Con todo, até o de agora, os que tomaron parte na primeira xuntanza informativa eran fundamentalmente colectivos vencellados ao mundo nacionalista. Dende a Mesa pola Normalización Lingüística, asociación que está a liderar o proceso, Fran Rei explica: "o noso propósito é integrar, na medida do posíbel, a todos aqueles que se queiran sumar á defensa do galego; queremos atopar puntos de colaboración con entidades politicamente máis distantes porque é necesario, porque a percepción social de que o galego está en perigo é común".

Queda agora por ver cal é a acollida que esta iniciativa ten neses outros colectivos, fundamentalmente en aqueles máis próximos á órbita socialista. "Nós convidamos a entidades do máis diverso e moitas delas, aínda que non acudiron á xuntanza inicial, si nos amosaron o seu interese", comenta Rei, quen informa de que se lles trasladará o contido dos acordos iniciais e confía en que se sumen cantas máis organizacións mellor.


Ligazóns

5/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Mesa pretende que esta nova plataforma represente a heteroxeneidade e pluralidade dos que defenden o galego
A Mesa pretende que esta nova plataforma represente a heteroxeneidade e pluralidade dos que defenden o galego
Na xuntanza inicial tamén se propuxo organizar outra manifestación a prol da lingua que se podería celebrar a comezos do curso
Na xuntanza inicial tamén se propuxo organizar outra manifestación a prol da lingua que se podería celebrar a comezos do curso