Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DO PARO BIOLÓXICO

Ábrese a veda: pida unha de polbo!

Iníciase a campaña de pesca do cefalópodo que dá traballo a unhas 3.500 persoas. Analizamos a situación do sector e as súas opcións de futuro.

Isabel G. Couso - 14:15 06/07/2009
O polbo galego caracterízase pola súa calidade e sabor

O polbo galego caracterízase pola súa calidade e sabor

Cunha pesca de baixura afogada pola escaseza de capturas e pola crise, este luns iníciase en toda Galiza a campaña do polbo. Ao longo de todo o litoral, adícanse a esta especie un total de 1.400 embarcacións, cunha media de 2,5 traballadores por barco, é dicir, un total de 3.500 mariñeiros. A comezos de maio paralizárase a actividade co obxectivo de evitar unha sobreexplotación do recurso, un paro que, malia as peticións dos armadores, non contou con ningunha compensación económica a cambio.

Así as cousas, no primeiro cuadrimestre deste ano as capturas de polbo caeron á metade: as lonxas rexistraron un descenso do 50% con respecto ao ano anterior que, con todo, fora un período excepcionalmente bo para os naseiros. Se ben as rulas galegas pecharan daquela cunhas descargas totais de 2.723 toneladas de polbo e cunha facturación de 13,7 millóns de euros, no que levamos de ano ningún pósito foi quen de incrementar a cifra. Aínda máis, os datos falan dunha campaña nefasta: no primeiro cuadrimestre do ano, a Asociación de Vendedores de Vigo rexistrou un 83% menos de transaccións e o descenso foi tamén importantes nas rulas da Coruña (42%), Muros (61%), Burela (58%) ou Bueu (53%).

Con todo, as expectativas do sector para a campaña que se inicia son boas. Así nolo confirma o patrón maior de Bueu, Xosé Manuel Rosas: "os armadores cos que falei ao longo da xornada confírmanme que chegarán aos topes marcados", explica, "mais aínda é cedo para ser optimistas. Hai que lembrar que a comezos de ano as expectativas tamén eran boas e logo as capturas caeron totalmente en picado, polo que o máis prudente é agardar".

Cotas de captura e prezos estimados
A Consellaría do Mar estabeleceu un tope máximo dende este luns até o remate de agosto de 40 quilos por embarcación e día e outros 40 por cada tripulante a bordo. É dicir, por exemplo un barco que conte con tres mariñeiros poderá capturar un máximo de 160 quilogramos, que é, á vez, a cota máxima. Estes baremos mudarán, non obstante, a comezos de setembro e até decembro, cando a cota máxima semanal será de 200 quilos por embarcación e outros tantos por mariñeiro enrolado.

Ademais, o peso mínimo de captura segue a ser dun quilo, un límite que intenta evitar o esgotamento do recurso. Se ben resulta complicado explicar as causas do descenso deste manxar nas nosas rías, os biólogos apuntan ás condicións oceanográficas que causarían que as larvas non se puidesen desenvolver, así como unha posíbel sobreexplotación. Asemade, explican que o carácter biolóxico deste cefalópodo provoca que haxa ciclos naturais de abundancia e de diminución.

No referente ás cotizacións, Xosé Manuel Rosas fálanos dos prezos que agardan manter estes días: "os máis pequenos, de entre un e dous quilos, venderanse entre os 4 euros e os 4,50 euros. O tamaño medio, de entre dous e catro quilos ascenderá a 5-6 euros. E os máis grandes, de catro quilos ascenderán aos 6-6,50 euros".

Contra o produto foráneo, comercialización de garantía
O porto de Bueu é un dos máis destacados na pesca do cefalópodo e é habitual que os barcos descarguen até 12 toneladas de polbo diarias. Á súa captura adícase o 90% da flota bueuense, que conta cunhas 90 licenzas no sector. Precisamente, esta Confraría foi pioneira, e única até o de agora, na potenciación dunha marca propia de garantía para a comercialización: Polbo das Rías. O obxectivo foi o de "ofrecer ao comprador e ao consumidor final a garantía de que está mercando auténtico polbo galego, capturado artesanalmente e cuns requisitos mínimos de calidade".

Rosas explícanos que a idea está a dar moi bos resultados, aínda que aos poucos: "estimamos que o polbo que sae de Bueu etiquetado como Polbo das Rías gaña un euro en valor engadido, é dicir, vendémolo un euro máis caro". O Patrón Maior anima ás demais confrarías a sumárense a esta iniciativa, xa que sería o único xeito de expulsar a competencia desleal daquel produto que se vende como se fora de aquí. Principalmente, o polbo de fora que entra no noso mercado procede de Marrocos, Mauritania ou Chile. "A calidade é outra", explica Rosas, "pero a nós non nos parece mal que se comercialice, o problema é que se faga pasar polo noso". A través desta marca de garantía, o produto vai etiquetado de xeito que consta a procedencia, o lugar de captura e até o nome do barco que o pescou. Logo de dous anos en marcha, xa conseguiron unha ampla lista de clientes, entre restaurantes, polbeiros e frigoríficos de todo o país e tamén do Estado. Con todo, Rosas sorrí cando lle falamos de exportación para o exterior: "aínda estamos comezando", asegura, "pero claro que o noso propósito sería acadar compromisos de mercado fora das nosas fronteiras".


Ligazóns

5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O ano pasado capturáronse en Galiza 2.723 toneladas de polbo
O ano pasado capturáronse en Galiza 2.723 toneladas de polbo
Actualmente, a arte de pesca máis empregada son as nasas, se ben tamén se captura o polbo coa raña ou o bicheiro
Actualmente, a arte de pesca máis empregada son as nasas, se ben tamén se captura o polbo coa raña ou o bicheiro
O polbo de Marrocos, Mauritania e Chile son os que máis se comercializan en Galiza, ademais do galego
O polbo de Marrocos, Mauritania e Chile son os que máis se comercializan en Galiza, ademais do galego
Dende a Confraría de Bueu comercialízase a marca Polbo das Rías (este é o logotipo)
Dende a Confraría de Bueu comercialízase a marca Polbo das Rías (este é o logotipo)