Co gallo do seu 65 aniversario, haberá un acto de recoñecemento no local social Faísca.
O mundo independentista réndelle tributo este sábado a Antón Arias Curto. O acto terá lugar no local Faísca de Vigo, ás 20 horas. No mesmo intervirán María Luisa Fernández, Paco Atanes, Xosé Sanmartim Bouça, Manolo Chao Dobarro, Manolo Soto, Eva Loira, Xosé Luis G. Blasco “Foz”, Luis Fernández “Che”, Jon Etxandia, Irene , Antom Santos, Roberto R. Fialhega “Teto”, Antom Lôpes e María Osório.
Arias Curto, nado en Monforte en 1944, comezou a súa militancia política a finais dos sesenta no Partido Comunista de Galicia. Posteriormente, evolucionou cara as teses nacionalistas e a finais dos setenta chegou a ser tenente de alcalde do seu municipio natal.
Ligado xa ao mundo independentista, defendeu a validez da loita armada como ferramenta política e participou na creación de Loita Armada Revolucionaria (LAR) e do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC), organización da que chegou a ser máximo responsábel. Estivo preso por pertenza a banda armada entre 1980 e 1983 e entre 1988 e 1995.