Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
contaminación dos ríos

A Confederación do Miño-Sil sancionará o Concello de San Cibrao pola vertedura no Barbaña

O presidente da entidade, Fernández Liñares, sinala que a vida do río "quedou completamente destruída".

Redacción - 09:00 03/07/2009
Unha imaxe do Barbaña / Flickr: Brocco Lee

Unha imaxe do Barbaña / Flickr: Brocco Lee

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, responsabilizou esta quinta feira o Concello de San Cibrao das Viñas (Ourense) da vertedura tóxica que provocou a morte de "máis de 17 mil peixes" no río Barbaña, e asegurou que se sancionará a entidade local. De momento, o Seprona e a Fiscalía continúan as súas investigacións, coa intención de atopar a empresa que provocou esta contaminación das augas.

En conferencia de prensa, Fernández Liñares asegurou que o goberno local "permitiu a vertedura" porque as empresas evacuan os seus residuos, segundo aseverou, "á rede municipal" e a vertedura tóxica parte, como sinalou, dunha "industria próxima ou do Polígono Industrial". Así mesmo, recalcou que a depuradora desta localidade ourensá "non está preparada para unha vertedura deste tipo" porque só trata "residuos urbanos".

Segundo manifestou, a vida do río "ficou completamente destruída" xa que "acabou coa práctica totalidade da fauna piscícola". Ante esta situación, avogou por unha "repoboación das especies que existían" nun labor que "compete á Xunta" e que podería abarcar "un ano ou un pouco máis". Fernández Liñares tamén revelou que a análise das augas mostra unha "evolución positiva, excepto o amonio que dá excesivamente alto". De igual modo, indicou que "aos tres días recuperouse o ph" e detectouse un "comportamento desorbitado nos metais pesados nos primeiros momentos". "O magnesio, ferro e zinc recuperouse en cinco días e o ph é normal" resaltou, para engadir que o río, en termos de calidade das augas, "recupérase". De igual xeito, afirmou que a contaminación no Barbaña non afectou os peixes do Miño e que o dano neste río "foi insignificante".

Investigación aberta contra "un mal crónico"
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil puxo en mans do Seprona e a Fiscalía de Medio Ambiente toda a documentación para esclarecer os feitos desta vertedura tóxica. Neste sentido, sinalou que se sancionará o Concello de San Cibrao das Viñas por esta vertedura e o Seprona investigará por encomenda do fiscal á empresa "que pode ser a responsable última dun suposto delito ambiental".

Polo seu lado, a asociación ecoloxista Amigos da Terra denunciou, nun seu comunicado, que as verteduras ao río Barbaña son un mal crónico ao que as distintas administracións "non quixeron pórlle freo". Esta organización asegurou tramitar tres denuncias en outubro de 2006 ante a Confederación Hidrográfica do Norte, aínda que só recibiu contestación a unha delas.

Os ecoloxistas consideran que, aparte da concorrencia penal e administrativa que, ao seu xuízo, debería resultar da vertedura ao Barbaña, a Administración debería executar o mandato da lei de responsabilidade ambiental, baseada no principio de quen contamina, paga.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: