Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Manuel Lara, presidente da Asociación Buxa

“O patrimonio industrial é unha parte da nosa historia que ás veces é esquecida ou maltratada"

Veñen de subscribir un convenio cos Enxeñeiros Técnicos para colaborar na reparación e posta en valor das instalacións industriais históricas do país.

A. Rodríguez - 12:45 05/07/2009
Muíños da cobrería do Xubia / Imaxe: M. Lara (2009)

Muíños da cobrería do Xubia / Imaxe: M. Lara (2009)

Buxa, a Asociación Galega do Patrimonio Industrial, naceu en setembro do ano pasado co obxectivo de recuperar, rehabilitar, reconstruír e poñer en valor o material do patrimonio industrial da nosa terra, e, alén disto, para estudalo, e ter un mellor coñecemento para defendelo como parte da nosa historia.

Así llo contou a Vieiros Manuel Lara Coira, enxeñeiro industrial, profesor da UdC e presidente de Buxa, quen recalcou que dende esta asociación entenden o industrial como unha parte importante do patrimonio cultural, "que acostuma estar esquecido, e algunhas veces, maltratado por causa das súas características propias, xa que se trata de instalacións vivas, que se teñen que ir adaptando ou terminan por desaparecer". De momento teñen recollidos documentos do Muíño de mar de Ortigueira (Ortegal), a ponte do ferrocarril sobre o Eume (paso do ferrocarril entre Betanzos e Ferrol); as Torres de Arneiro (Cospeiro, Terra Chá); a fábrica de cobrería de Xubia (Ferrol); o curtidoiro da Florida (Neda, Ferrol), as minas de ferro da Silvarosa (Viveiro, A Mariña); os tranvías de Ferrol; o estaleiro de Ramón Bedoya en Pontedeume (Eume); a Telleira Arzúa en Ares (Ferrol), ou a central hidroeléctrica d'As Forcadas (Valdoviño, Ferrol). (Ollar toda a documentación).

Ademais disto, a asociación está a colaborar co Concello de Narón, na recuperación da muiñaría industrial do Río Xubia, mais é preciso tamén conseguir o apoio da Consellaría de Cultura e, se pode ser, do Ministerio, xa que "estas actuacións consomen moitos cartos", sinalou Lara.

Procurando a colaboración das institucións na posta en valor do patrimonio industrial
Buxa acaba de asinar un convenio co Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos, unha das colaboracións que lle serven para desenvolver o seu traballo: "Vimos de convidalos a participar, para xerar, entre todos, unha retroalimentación informativa, porque cos medios que temos non é doado chegar a todo o país, para ter coñecemento directo das instalacións que é interesante e preciso recuperar", sinalou Lara.

Así é como está comezando a traballar esta asociación, tamén en colaboración cos concellos, "porque primeiro hai que coñecer a titularidade da instalación -hai moitas de promoción privada-, saber como está contemplada a súa situación nos Plans Xerais dos municipios, e se hai algunha figura de protección" para poder dar o paso seguinte: as actuacións de recuperación. "Hai que ter un coñecemento certo do que temos, para poder tomar decisións con sentidiño xa que, sexa para ben ou para mal, todo non se pode conservar, e hai algunhas instalacións que ao mellor só teñen mérito para permanecer na memoria histórica", subliñou Lara.

Un traballo necesario que aínda non se fixo en Galiza
Antes do nacemento de Buxa, dende Galiza non houbera unha aposta certa por recuperar o patrimonio industrial, "aínda que si estaba contemplado nas mentes dos técnicos de Cultura". A proposta de recuperar as instalacións industriais históricas naceu no Reino Unido a finais dos anos 70, e de seguida se foi estendendo por Europa. Ao Estado Español chegou case 20 anos despois, a comezos do 2000, e en xullo de 2007 desenvolveuse a primeira xuntanza entre os técnicos da Consellaría de Cultura e o Ministerio de Cultura para coordinar as actuacións patrimoniais neste eido, que "aínda non fora tocado", recalcou o presidente de Buxa.

Pouco tempo despois nacía Buxa, tomando como primeira medida a súa incorporación ás asociacións internacionais de recuperación e posta en valor do patrimonio industrial. Dende aquela, están a inventariar todas as instalacións das que teñen coñecemento -levan un medio cento, e esperan chegar ás cen para o ano-, un paso que é imprescindíbel para "desenvolver actuacións coherentes", contou Lara, "baseándonos nunha base documental histórica". "A actuación é lenta, porque primeiro cómpre ter coñecemento da instalación, desenvolver estudos históricos e medicións arquitectónicas, saber que figura a protexe, se a hai, a quen pertence..." dixo Lara, ao tempo que lembraba que moitas veces a instalación non chega a recuperarse como tal, senón que se lle ten que dar outro uso.

Buxa está aínda pendente de asinar un acordo coa Consellaría de Cultura para conseguir financiamento, e colaborar na recuperación desta parte do noso patrimonio.


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O muíño de mar en Ortigueira / Imaxe: M. Lara (2009)
O muíño de mar en Ortigueira / Imaxe: M. Lara (2009)
Ponte do ferrocarril sobre o Eume / Imaxe: M. Lara (2009)
Ponte do ferrocarril sobre o Eume / Imaxe: M. Lara (2009)
Torres de Arneiro / Imaxe: Serafín Rguez. Trashorras
Torres de Arneiro / Imaxe: Serafín Rguez. Trashorras
Mina d'A Silvarosa (J. Insua, ca. 1910)
Mina d'A Silvarosa (J. Insua, ca. 1910)
A Telleira Arzúa, en Ares
A Telleira Arzúa, en Ares