Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A compañía acúsaos de “facer demagoxia”

Os traballadores de Caramelo critican o "inmobilismo" da empresa nas negociacións do ERE

Cruce de acusacións após a primeira entrevista no novo marco de negociacións, coa mediación das Administracións, que terminou sen acordo.

Redacción - 09:00 30/06/2009
Protesta das traballadoras de Caramelo conta o ERE / Imaxe: CIG (clique para ampliar)

Protesta das traballadoras de Caramelo conta o ERE / Imaxe: CIG (clique para ampliar)

A primeira xuntanza no novo marco de negociacións entre o Comité de Empresa e a dirección da téxtil coruñesa Caramelo, na que participaron representantes da Xunta e da Inspección de Traballo, terminou esta segunda feira sen un acordo entre as partes, que quedaron citadas de novo para a vindeira quinta feira. Os representantes dos traballadores criticaron a postura "inmobilista" da compañía, e esta acusounos de facer "demagoxia".

Despois do encontro, que se estendeu máis de tres horas, a voceira da CIG-Téxtil, Dores Martínez, reprochoulle á empresa a súa postura "inmobilista" e a súa "actitude ríxida", mentres que fontes de Caramelo replicaron que esas facer estas afirmacións é facer "demagoxia", pois a proposta da empresa, defenderon, variou dende que comezaron os contactos.A representante do comité de empresa indicou que agarda que na vindeira reunión a compañía téxtil presente unha nova proposta, e advertiu que de non producirse unha modificación nas condicións, a negociación romperá "moito antes de comezar". "Moi ao noso pesar", acrecentou Martínez.

Pola súa banda, fontes de Caramelo reiteraron que manteñen a "vontade de diálogo", aínda que destacaron que a situación actual da empresa "é máis difícil que nunca", logo dos altercados producidos fai unhas semanas na fábrica situada no polígono de Agrela. A firma ofrécelles aos 237 traballadores afectados polo expediente de regulación de emprego (ERE) unha indemnización de 31 días por ano traballado, cun máximo de 18 mensualidades, fronte aos 25 días por ano da proposta inicial. En canto ás prexubilacións, Caramelo mantén a barreira dos 55 anos e garante o cobro do 85% do soldo até cumprir os 61, algo que a representante da CIG -sindicato maioritario na compañía-, considerou aínda "insuficiente".

Críticas á Xunta polos contactos con Jove e á empresa por desmantelar a sede de Agrela
Ante o estancamento das negociacións, Dores Martínez afirmou que "non entende" o papel que está xogando o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra. Á reunión desta segunda feira acudiron o director xeral de Relacións Laborais da Consellaría de Traballo, Odilo Martiñá, e o responsábel en Galiza da Inspección de Traballo, Carlos Domenech.

A sindicalista insistiu en que Guerra "deberá explicar que sacou en limpo" da reunión que, sostén, o conselleiro mantivo co accionista maioritario de Caramelo, Manuel Jove. Se non o fai así, dixo, o Comité de Empresa entenderá que o conselleiro, "ou ben é cómplice, ou ben está hipotecado neste asunto". Ademais, esixiu á dirección da compañía que explique o que considerou unha "violación" do acordo de non desmantelar a fábrica do polígono da Grela: "Da firma de Antonio Pernas non hai nin unha peza", asegurou Martínez, quen tamén recordou que "hai días que non chega ningún tipo de mercadoría".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: