Acaba de morrer na India, onde entregou a súa vida e a súa alma. Foi xesuita, logo secularizado e casado. As axencias de comunicación titularon a noticia con estas palabras: “O home por quen choran os parias”.
Paria – sánscrito parayatta – é a persoa que case non é persoa. Non é libre. Ferrer foi un redentor dos parias aos que librou da miseria, do desprezo e dominio alleo. Devolveulles a dignidade, da que carecían, a milleiros e milleiros de persoas. Para iso permaneceu de garda toda a súa vida ata que morreu. E para facer todo isto non encontrou impedimento en estar casado e ter tres fillos. Unha lección que deberían aprender os fanáticos do celibato que o consideran condición imprescindible para que o clero se encontre permanentemente disposto a servir as vintecatro horas do día. Ai, se as paredes falasen! A entrega das persoas non vén de circunstancias exteriores senón de dentro, do corazón de cada quen.
A muller de Ferrer dicía estes días que Vicente foi coma un milagre na India, e que non morreu senón que vive e está presente, principalmente nas persoas que axudou a liberar. Esa é a verdadeira fe evanxélica, erguer ao ser humano facéndoo libre. Agora, botando man de Teresa de Calcuta, poderiamos dicir que tanto monta, monta tanto... Teresa coma Vicente. Pero a Teresa, as xerarquías da Igrexa correron a canonizala e aproveitala como bandeira apoloxética da Institución polo mundo adiante, mentres que Ferrer vai quedar á porta, sen lugar nos altares porque, se ben cumpriu con algúns valores evanxélicos, pouco importa que sexan os máis importantes, non fixo o mesmo cos do dereito canónico. E na Igrexa o que manda non o fai con valores senón con leis e con normas, “serva ordinem et ordo servabit te”. Estivémolo vendo estes días pasados co finalmente abortado documento de condena ao teólogo Torres Queiruga. Quen o diría! A impresión que quedou foi que se trataba de loitas polo poder, na que por circunstancias perderon os talibáns.