Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Novos temas na web

Os repetidores pasan o verán no A Polo Ghit 2.0

Esta semana veñen os temas de Paul á sombra, Pito de Pikasso -que están a piques de sacar cedé-, Apoloxía do Miolo, The Bluesomes, Festicultores Troupe e Xan Solo.

Redacción - 13:00 27/06/2009
Os compoñente de Paul á sombra mandan esta súa imaxe. De esquerda a dereita: Sami, Luchi, Rudi, Michi e Charli

Os compoñente de Paul á sombra mandan esta súa imaxe. De esquerda a dereita: Sami, Luchi, Rudi, Michi e Charli

Moitos son os grupos e bandas que volven pasar por A Polo Ghit procurando que o seu tema sexa escollido como a canción do verán 2009.

Son seis novo temas, un deles enviado por Paul á sombra, banda que xa participou na edición de A Polo Ghit 2008 co tema Unha tarde no zoo, pero esta ano veñen cambiados, porque a Gelpi sentoulle mal un Phoskitos caducado, e Frenchi marchou a Menorca xa que é unha illa e nas illas hai máis praias. Agora teñen novos amigos: Luchi e Sami, e moitas ganas de gañar con O noso contrato coa Virgin.

Outros que repiten son os mozos de Pito de Pikasso, co tema Fixen filloas, un retrato costumista do atropelo dun xabaril nunha noite pechada, que chega, ademais, coma un adianto do seu novo disco KRAKSH!¡!, que sairá á venda a comezos do mes que vén.

Tamén volven polo territorio A Polo Ghit, The Bluesomes, que o ano pasado presentaran Soandres, unha homenaxe ás festas celebradas nesta parroquia d'A Laracha (Bergantiños). Pois este ano de volta pola Laracha traen TripiGrelos, un tema que conta unha historia acontecida neste concello que demostra, contan "que somos unha terra orixinal e con personalidade", e que trata dun "descoido químico duns grelos que se consideraban normais". Porén, The Bluesomes advirten: non se fan responsábeis do consumo desmedido de grelos pola mocidade galega, nin da súa proliferación nos festivais deste verán.

E outros repetidores son Festicultores Troupe, que botaron un ano sen aparecer. No 2007 enviaran A cabra makabra, mais desta volta a troupe vén concienciada coa idea de "combater esta crise económica cunha técnica maxilofacial sensual e moi divertida coa que queremos levantar o ánimo a todo o mundo", para o que presentan a Festa Total.

E os que son novos
Mais esta semana tamén chegaron temas de grupos novos: por un lado están Apoloxía do Miolo, que presentan Torce por aquí, un tema de "rock suegril", contan eles, de escoitar -ou vivir-, o domingo á hora do xantar. E polo outro, Xan Solo, quen enviou o tema Nunca Serei, e que tamén ten un cedé a piques de editarse de nome Xan Solo Van.

O prazo aínda está aberto para seguir enviando temas ao concurso no que Vieiros e a Radio Galega escollen a mellor canción¡do verán 2009. Sorte, sol e música para todos!


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe da capa do disco de Xan Solo, onde vai incluído o tema 'Nunca Serei', que presenta a A Polo Ghit
Imaxe da capa do disco de Xan Solo, onde vai incluído o tema 'Nunca Serei', que presenta a A Polo Ghit