Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Seguirán as mobilizacións

"É unha tomadura de pelo", avalía o SLG das axudas de Medio Rural ao leite

Consideran que endebedarán aínda máis as granxas e propoñen que a Xunta siga o modelo de Asturias, onde houbo axudas de 7.500 euros a fondo perdido.

Redacción - 19:05 23/06/2009


A estratexia iniciada polo goberno asturiano, que outorgou axudas de 7.500 euros por granxa "a fondo perdido" aos produtores endebedados logo da modernización das súas instalacións e a compra de cota láctea, é o modelo que "debera seguir a Xunta". Así o opina o Sindicato Labrego Galego (SLG), recordando que a Comisión Europea permitiu subvencións directas ao sector primario por parte da administración estatal e as autonómicas até un máximo de 13 mil euros por gandeiro en tres anos. Segundo a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, ouse bota man xa deste tipo de mecanismos "ou pode que dentro de tres anos non haxa explotacións ás que axudar".

"Estamos nunha situación na que as explotacións non poden facer fronte aos pagamentos e vai haber casos de embargos, como imos pedir máis créditos se non conseguimos pagar os que temos?", explicou este martes en conferencia de prensa a voceira do Sindicato Labrego. A formación denunciaba así a estratexia anunciada esta semana pola Consellaría de Medio Rural. Segundo o sindicato a liña de axudas da Xunta implicará máis endebedamento para as granxas. Sostén Freire que os gandeiros non desexan máis créditos xa que na actualidade "a xente ten embargada a súa vida: casa, terras, maquinaria e instalacións".

"Falsidade"
Por este motivo, o SLG define de "tomadura de pelo e auténtica falsidade" o anuncio da consellaría de que se poñen a disposición do sector leiteiro 100 millóns de euros. Na opinión de Carme Freire un plan de liquidez para o sector requiriría de medidas de recuperación dos prezos. "Un gandeiro non vai endebedarse máis cun novo crédito se sabe que a cotización do leite non lle permitirá facer fronte a esa débeda", expón. Por este motivo, insistiu Freire en que a loita por un "prezo digno" segue sendo prioridade para os sindicatos e nesa liña seguirán as mobilizacións.

Sobre os empréstitos que habilitará o Igape para achegar circulante a granxas e cooperativas lácteas que efectuaron investimentos o SLG insiste en que fracasarán xa que aínda que a Xunta habilite "miles e miles de millóns de euros", eses anticipos "non serán tramitados", primeiro, porque as entidades financeiras non os concederán ao non poder garantir os titulares das explotacións a súa devolución e, segundo, porque os gandeiros "non queren máis créditos". O mesmo acontecerá coas subvencións orientadas a mellorar a competitividade das granxas, por esixiren que o produtor agrogandeiro tramite "un crédito obrigatoriamente".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: