Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Proposta dun novo plan de xestión de residuos

Os ecoloxistas piden pechar Sogama, o "paradigma da insustentabilidade"

Apostan por un modelo "descentralizado, fiábel e socialmente xusto". As chaves para este proxecto: "redución, reutilización e compostaxe".

Redacción - 14:05 17/06/2009
Na conferencia de prensa, María Rodríguez (Adega), Tino Quintela (FEG) e María Durán (Amigos da Terra)

Na conferencia de prensa, María Rodríguez (Adega), Tino Quintela (FEG) e María Durán (Amigos da Terra)

Os colectivos ecoloxistas do país xuntaron as súas voces para arrepoñerse ao pouco que se coñece da política ambiental da Xunta. A idea de poñerse a traballar na análise desta e na redacción de propostas para un novo plan de residuos, xurdiu ao oíren unhas declaracións do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que valoraba o modelo de incineración de Sogama como o máis "eficaz e correcto" para tratar os residuos sólidos urbanos.

"Foron unhas declaracións incendiarias", sinalou Celestino Quintela, da Federación Ecoloxista Galega (FEG), quen describiu o modelo da incineración desenvolvido por esta macroplanta de Cerceda (Ordes) coma un ente "mastodóntico, demasiado centralizado e cunhas porcentaxes de recuperación de residuos e enerxética mínimas". Nesta liña, criticaron as actuación feitas até o de agora por Medio Ambiente, sinalando que "non se pararon a valorar o que hai agora, e dedicáronse a anular todo o feito, deixando as súas políticas propias no aire".

Neste sentido, presentaron un "documento propositivo", en palabras de María Durán, de Amigos da Terra, que analiza o sistema actual de xestión de residuos sólidos urbanos existente en Galiza -o centralizado de Sogama e outros de concellos, mancomunidades e vilas-, e achega algunhas propostas para mudalo e facelo "descentralizado, fiábel e socialmente xusto".

As achegas dos ecoloxistas
En primeiro lugar, María Rodríguez, de Adega, tamén presente na conferencia de prensa, falou da necesidade de crear un modelo que conte coa "participación cidadá real", e que aporte información certa, analizando, ademais do custe económico do seu desenvolvemento, o social e ambiental.

Tamén se falou dun modelo que potencie a "redución" dos residuos e, alén da reciclaxe, lembraron o terceiro "R" que moitas veces se esquece: a reutilización dos envases, que poden prolongar a súa vida útil no tempo.

"Moito se fala de reciclaxe, pero os esforzos a ela dedicados camuflan un problema real, o do aumento de residuos", sinalou Tino Quintela, destacando que por isto falan eles de "redución", e de concienciar a cidadanía a través dunha axencia de participación cidadá.

"Un modelo fiábel", no que cada concello asuma a súa responsabilidade
No seguinte punto a destacar, fundamental para os ecoloxistas, falan da recollida selectiva, separada, un proceso imprescindíbel para obter un compost de calidade, e para recuperar os envases. A seguir, despois de gabar o sistema de compostaxe, como único por ser a materia orgánica enteiramente reciclábel e reutilizábel como abono, falan da posibilidade de desenvolver un modelo de recollida de lixo porta a porta, como o que xa foi probado nalgúns concellos do país, e que resulta eficaz en canto educación ambiental, xa que, deste xeito, os envases sepáranse correctamente do resto do lixo, e evítase "o anonimato que dá o contedor". Así, ademais, conséguese que cada concello se responsabilice do seu lixo, cun sistema de recollida que é "viábel economicamente" e "necesario ambientalmente".

Un modelo "socialmente xusto", esquecendo a dependencia de Sogama
O cuarto punto que recollen no seu documento de propostas é o desenvolvemento dun "modelo territorial de xestión dos residuos descentralizado", non centralizado, como agora, exclusivamente nun "macrovertedoiro ou nunha megaplanta nun pequeno concello do centro de Galiza", sinalou Tino Quintela, que ademais, dixo "xera uns enormes custes económicos e ambientais ao transportar o lixo". "Este sistema non vale, porque cando falla Sogama, como sabemos que xa pasa, dados os enormes vertedoiros que está creando, non hai outra planta á que se poida recorrer, toda Galiza é dependente desta", destacou Quintela, quen amosou a proposta dos ecoloxistas, cun modelo de 41 áreas de xestión, esparexidas por todo o país, de tal xeito que, se unha falla, haberá outra perto para acoller os residuos de varios concellos. "Con este sistema, cada concello responsabilízase do seu lixo, asúmeo como propio e non se desfai del, como agora, mandándoo a un buraco negro en Cerceda".

Na presentación deste modelo, recalcan os ecoloxistas, non ten cabida a incineración nin Sogama, un "paradigma da insustentabilidade", polo que piden a súa clausura no ano 2017, ano no que termina a súa concesión.

  • Descargue aquí o informe completo (en .pdf) presentado polos ecoloxistas (asinan FEG e Amigos da Terra)


4.91/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ao fondo, a central de Sogama, a carón da térmica de Meirama / Flickr: victorsantos
Ao fondo, a central de Sogama, a carón da térmica de Meirama / Flickr: victorsantos
Os residuos ás portas de Sogama
Os residuos ás portas de Sogama
A xestión dos residuos feita por Sogama foi obxecto de polémica nos últimos meses
A xestión dos residuos feita por Sogama foi obxecto de polémica nos últimos meses
Unha fileira de traballadoras de Sogama
Unha fileira de traballadoras de Sogama