Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
MÁIS REACCIÓNS

Nova Escola cualifica de fraude a enquisa sobre a lingua

Entende que o goberno busca un resultado prefixado de antemán e critica que non exista a posibilidade de optar por un ensino todo en galego.

Redacción - 13:40 16/06/2009

Nova Escola Galega sumouse ás diferentes organizacións, colectivos e profesionais que nos últimos días amosan a súa oposición ao proceso de consulta que sobre a lingua no ensino deberán contestar os pais con nenos en idade escolar. Este movemento de renovación pedagóxica considera "unha fraude de dimensións escandalosas a consulta ás familias" e entende que o goberno busca un único resultado, "prefixado de antemán".

Ademais, lamentan que o cuestionario non permita optar pola posibilidade de que os nenos aprendan soamente en galego: "é obvio que as posíbeis opcións de resposta non desexadas polo goberno, non se ofrecen, sen máis". Asemade, recordan que esta consulta se articula sobre "unha metodoloxía acientífica e un proceso global que non ofrece garantías suficientes para a protección de datos das persoas consultadas".

Reproducimos aquí o seu comunicado:

NOVA ESCOLA GALEGA, quere denunciar publicamente a fraude que se está cometendo nestes días coa pretendida consulta ás familias sobre os idiomas que debe empregar o ensino. Unha consulta realizada sen o máis mínimo rigor científico nin metodolóxico da que cabe esperar un só resultado, o que desexa con vehemencia o goberno galego, comprometido con grupúsculos minoritarios que o elevaron ao poder, logo de facer da cuestión lingüística un instrumento de confrontación social.

Recorda NOVA ESCOLA GALEGA que ao comezo das preto de tres décadas do proceso de normalización, nunca se puido albiscar sequera que chegariamos ata aquí coas mouras perspectivas que se anuncian para a lingua dende o actual goberno da Xunta. Non parecería lóxico pensalo, habendo como había un consenso amplo no tocante á lingua que, con maior ou menor intensidade, se recollía na Constitución (1978), no Estatuto de Autonomía (1981) e na Lei de
Normalización Lingüística (1983), así como no Plan Xeral de Normalización da lingua galega (2004).

O actual goberno galego anuncia como medida "estrela" do seu mandato a derrogación inmediata do decreto en vigor, mesmamente cunha ignorancia total dos procedementos legais ao respecto, e como primeiro chanzo desta desfeita dá noticia dunha enquisa -consulta- aos pais e nais sobre a presenza da lingua na escola. Nos moitos anos que levamos no mundo do ensino non lembramos ningunha outra ocasión -e houbo motivos abondo- en que se utilizase este instrumento para saber a opinión de toda ou parte das comunidades educativas, abrindo ademais unha vía paralela, e distorsionadora a respecto do traballo e das decisións dos seus órganos representativos, democraticamente elixidos. Cabería preguntarse se a Consellería considera que esas diferentes representacións non son suficientes para que poidan asumir as decisións relativas á escolarización, tal e como veñen facendo ata agora cos proxectos lingüísticos dos centros. Por que se produce, logo, unha consulta que ignora absolutamente estes órganos de goberno? Por que exclusivamente para a lingua?

Moitos son os interrogantes que se podan plantear sobre a orixe e necesidade da enquisa-consulta. Velaquí algúns:

-Descoñece o goberno galego os principais indicadores sobre uso e presenza do galego no ensino?
-Pretende delegar a súa obriga de dotar o sistema educativo dos contidos curriculares oficiais tomando como referente substantivo a opinión das familias recollida nesa pseudoconsulta?
-É sensato focalizar a nova armazón lexislativa, anunciada con perspectiva de consenso e de continuidade, cunha "fotografía" do 2009, realizada nun momento de especial confrontación sobre a lingua?
-Onde está a responsabilidade do Parlamento e do Goberno?

Semella evidente que a partir dunha consulta, fraudulenta desde a súa mesma concepción e perversa desde o uso que se lle outorga ao concepto democracia para conseguir un obxectivo definido de antemán, procúrase que o resultado dea pé e sustento a unha modificación normativa de rebaixa no uso do galego no ensino. Esta constatación aparece probada se se ten en conta que o texto dos cuestionarios utilizan de maneira nesgada a terminoloxía de materias "troncais", furtándoselles ás familias a posibilidade de poder optar por un ensino todo en galego -agás as áreas das segundas ou terceiras linguas-. Non existe tal posibilidade na enquisa presentada. Pola contra, si existe na práctica, a posibilidade de optar por un ensino todo en castelán. Esta é, xa que logo, a tan proclamada liberdade lingüística?

Cómpre indicar tamén que as persoas que opten por marcar a casa de "Galego" (Ed. infantil e FP) ou "Todas en galego", en realidade ao que se están referindo é só ás chamadas materias "troncais". É dicir, que neste caso só estaremos optando polo que recolle xa o decreto en vigor. Calquera outra resposta supón necesariamente un retroceso no uso do galego como lingua vehicular.

Desde un punto de vista estritamente pedagóxico, a enquisa tamén é indefendible. Como se pode formular a posibilidade da aprendizaxe da lectoescritura en máis dunha lingua na educación infantil? Ou como se pode falar de materias "troncais" en educación primaria? Descoñecen que nestas etapas teñen unha importancia vital áreas que para eles parecen ser de segunda categoría? E que pasa cos demais contidos de educación infantil que non son de lectoescritura e non figuran na consulta? ¿Ignoran as propias leis educativas que sinalan as competencias como eixes curriculares e a globalización necesaria nestas etapas? ¿Como se formula sequera a posibilidade de que poida haber diferenza entre a lingua vehicular utilizada e a dos materiais curriculares ou probas orais e escritas?

É obvio que o resultado da consulta ás familias está cantado de antemán. É obvio que se lles pregunta por aspectos nimios referidos a como diminuír a presenza do galego do ensino. E é obvio que as posibles opcións de resposta non desexadas polo goberno, non se ofrecen, sen máis. Unha metodoloxía e un proceso global para a realización da consulta que cae polo seu propio peso. Neste contexto é certamente inexplicable que a dirección desta iniciativa gobernamental recaese nunha persoa en absoluto allea aos procesos de investigación científicos, e con grande prestixio no mundo da sociolingüística que ate agora defendía a necesidade compensar a lingua máis débil, tamén no marco escolar.

NOVA ESCOLA GALEGA esixe ao goberno que abandone xa ese argumento insultante de que todos e todas os que defendemos a lingua somos dun partido ou dunha ideoloxía determinada.

A lingua é de todos e todas, e a todas e a todos nos compete e nos obriga.


Ligazóns

4,56/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: