Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Logo do anuncio da Xunta

Os veciños de Navia piden non desandar camiño no freo ás fraudes coa vivenda pública

Non ven motivo para reformar o rexistro estabelecido polo bipartito, que consideran un "avance" contra as prácticas "fraudulentas e especulativas" no sector.

Redacción - 16:30 29/05/2009
Os veciños advirten contra a posíbel "submisión a intereses especulativos"

Os veciños advirten contra a posíbel "submisión a intereses especulativos"

As modificacións introducidas durante a anterior lexislatura ao respecto dos dereitos dos demandantes de vivenda protexida foron "un avance" fronte ás prácticas "fraudulentas e especulativas de determinados promotores inmobiliarios". Así o subliñan desde a Asociación de Veciños do barrio vigués de Navia, mobilizados no seu momento contra este tipo de prácticas e, cuxa proxección pública ao fío de varias demandas, acelerou a atención das administracións sobre esta situación. Así, valoran de xeito positivo os pasos dados pola anterior Consellaría de Vivenda, avaliando por exemplo de xeito moi favorábel a creación do Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública.

Por este motivo, o colectivo veciñal considera un "retroceso" que a Xunta actual anuncie a súa intención de reformar este rexistro. Á beira do adiamento sobre os proxectos de plan sectorial de solo, reserva pública de predios para vivenda social ou derrogación das normas do hábitat, o propio conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, Agustín Hernández, referiuse de xeito específico á vontade de modificar o rexistro de demanda de vivenda pública, falando de "simplificar os seus trámites".

En contra de abrir buratos que favorezan a fraude
"As cousas parecía que comezaban a cambiar nun sector tan especulativo como o da vivenda", apuntan desde a plataforma veciñal viguesa. Moi sensibilizados sobre a cuestión, despois de viviren de primeira man o caso da fraude por sobreprezos nas vivendas protexidas do polígono vigués de Navia, os veciños felicitaran as "medidas efectivas contra os métodos mafiosos dos promotores" tomadas na última etapa de goberno.

"Especulaban cos terreos expropiados aos veciños de Navia e coas necesidades e dereitos constitucionais de vivenda dos cidadáns", recordan, ao respecto do sobrepezo que lles esixían por supostas melloras, e coas que sacaban cartos adicionais sobre o prezo oficial. Para os veciños, calquera modificación que afrouxe agora as medidas introducidas para o control destes procesos de outorgamento de vivenda pública significará "unha submisión vergoñenta de Núñez Feijoo aos intereses especulativos dos promotores inmobiliarios".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: