Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Congreso o 28, 29 e 30 de maio

A UXT reelixe esta semana a Xosé Antonio Gómez como secretario xeral

"O traballo o primeiro", será o lema da cita á que, de momento, só chega unha candidatura. O sindicato descarta por agora a convocatoria dunha folga xeral.

Europa Press - 17:45 26/05/2009
Xosé Antonio Gómez, secretario xeral da UXT-Galicia

Xosé Antonio Gómez, secretario xeral da UXT-Galicia

A UXT-Galicia celebrará os días 28, 29 e 30 de maio --xoves, venres e sábado-- o seu décimo congreso, no que aprobará unha "carta sindical pola igualdade" e elixirá o seu secretario xeral, cargo para o que, polo momento, só presentou a súa candidatura o actual responsábel da formación, Xosé Antonio Gómez.

O sindicato presentou este martes o programa deste congreso, ao que acudirán máis de 400 delegados e 200 convidados e que arrancará cos saúdos do secretario de Organización e Comunicación de UGT, José Antonio Cubillo; o actual secretario xeral en Galiza; responsábeis do sindicato na Comunidade de Madrid e en Portugal; a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; e o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo.

Ademais, na clausura da reunión, o sábado, intervirán o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o secretario xeral de UGT, Cándido Méndez; así como o responsábel electo da formación en Galiza. Así o detallou a responsábel de Organización e Comunicación en Galiza, Irene Martínez, quen explicou, ademais, que o venres se celebrará un plenario no que se aprobará a "carta sindical pola igualdade". Martínez indicou que, dende o último congreso, a formación creceu en 12.350 afiliados (un 21% máis) e superou os 69.500, mentres que o número de delegados creceu un 13%, ata os 6.500.

"Centralidade do traballo"
Neste acto, o primeiro que se poderá seguir en tempo real a través da páxina web da UXT-Galicia, realizarase unha análise da situación actual e deseñaranse as liñas e obxectivos da organización para os próximos catro anos. Estas liñas, manifestou Gómez, xirarán "en torno á prioridade do traballo", que debe "recuperar o protagonismo que nunca debeu perder" e a sía "centralidade". De feito, o lema será 'O traballo o primeiro'.

Así, reivindicarán o "traballo con dereitos" como "motor" do desenvolvemento e a "cohesión". Sosteñen desde a UXT que nunha situación de crise como a actual, a "máis profunda que coñeceu esta xeración", os valores que defenden os sindicatos teñen "máis lexitimidade". O secretario xeral da UXT-Galicia apostou por acometer un cambio no modelo económico, ao que Galiza se "adiantou" coa sinatura, na pasada lexislatura, do pacto pola competitividade. Ademais, definiu como "eixe fundamental" na loita contra a crise a defensa da igualdade.

"Non queremos segmentacións interesadas", dixo. Ademais, Gómez apostou por un maior peso da formación e pola cualificación dos traballadores; por un maior apoio aos sectores punteiros; polas infraestruturas públicas que xeren emprego; e polo desenvolvemento rural. A UXT aprobará tamén un documento, no que levan traballando seis meses, coas propostas da formación, ao que se presentaron 1.011 emendas, polo que os responsábeis do sindicato esperan un "intenso debate".

Folga xeral
O secretario xeral asegurou, con respecto a unha posíbel convocatoria de folga xeral, que este tipo de protestas fanse "cando se producen recortes e decretazos", pero "até agora non se deu ese escenario". "Se se produce, haberá que barallala --a posibilidade da folga--", pero matizou que non é unha medida "que se use todos os días".

Insistiu, así mesmo, na necesidade de "avanzar no diálogo social" e volveu reclamar a dotación de orzamentos para a posta en marcha dun salario de inserción laboral para parados que non contan con prestación e "máis medidas públicas" para facilitar a contratación dos desempregados.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: