Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LUCAS VEIGA, GANDEIRO

“Se esta semana non nos recolle ninguén o leite, pecharemos"

Falamos cun dos dous produtores da Mariña vetados por Lácteos Lence. O que están a vivir estas dúas familias puxo en pé de guerra a un sector que vive a súa enésima crise.

R.Vilar - 13:30 26/05/2009

Amargura. Isto é o que transmite ao outro lado do teléfono Lucas Veiga, un dos dous gandeiros vetados por Lácteos Lence. Ten 31 anos e traballa canda os pais en Vilamartín Grande, no municipio de Barreiros (A Mariña). A explotación familiar é das consideradas moi grandes. Con 125 vacas listas para muxir, cada día produce arredor de catro mil litros de leite. Agora dende, o sábado non ten quen llo recolla. Lácteos Lence négase a mercarlle a produción a el e a un seu veciño aos que acusa de agredir a dous traballadores da empresa.

Lucas Veiga quere deixar ben claro que non houbo ningunha agresión física. Recoñece que el e o seu veciño discutiron acaloradamente co transportista e cun inspector de Lácteos Lence. “A discusión, que foi forte, non pasou do plano verbal”, insiste Veiga. Os gandeiros recriminábanlle ao inspector o baixo prezo que lles estaban a pagar (27 céntimos por litro, catro céntimos menos do propio custe de produción). Hai pouco máis dun ano, as empresas chegaban a pagar o litro a 50 céntimos, a caída brutal (propiciada pola entrada de leite foráneo) pon na picota a máis de dez mil familias que viven directamente da produción do leite no país.

A pesar de que levan catro días buscando outro comprador, os dous gandeiros de Barreiros non teñen xeito de colocar o seu leite no mercado: “Non sabemos se é porque realmente non fai falta ou porque hai presións”. O caso é que os dous muxidos que se fan cada xornada hai que tiralos para deixar sitio nos tanques. Mentres, os gastos de produción seguen a ser os mesmos.

Veiga síntese un pouco decepcionado coa reacción doutros produtores. Aínda que recibiron mostras de solidariedade, tamén viron como moitos outros produtores accedían á presión da empresa e os culpaban a eles de xerar un conflito que podía afectar a toda Galiza. De feito, esta mesma semana, logo de que grupos de gandeiros boicotearan a Lence en varias rutas, o empresario lugués ameazou con suspender toda a recollida. As alarmas saltaron en todo o sector. O empresario lugués copa case un 30% do leite en orixe que se produce.

Os dous gandeiros, afiliados ao SLG, decidiron agardar até o domingo para ver se aparece un comprador. Se alguén non move ficha, eles téñeno claro: “Se esta semana non nos recolle ninguén o leite pecharemos as explotacións”. A dramática situación destes dous gandeiros da Mariña non deixa de ser outro síntoma do estado de emerxencia que sofre un sector, que non hai que esquencer, é aínda un dos motores económicos de numerosas comarcas do país.  A conta atrás comezou.


4.69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: