Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Jiří Novotný, presidente do partido Moravané

"Os checos non lle poden ofrecer ao pobo moravo máis nada nunca máis"

O partido nacionalista de Moravia loita por que en 2011 se recoñeza a nacionalidade morava no censo oficial de poboación da República Checa.

Fernando Arrizado - 10:15 24/05/2009
Jiří Novotný

Jiří Novotný

Jiří Novotný, presidente do partido Moravané (Moravos) e número un da lista da formación para as eleccións europeas de xuño, analiza nesta entrevista os inicios do movemento nacionalista en Moravia, cal é a situación do país ao respecto do proceso de construción nacional e que retos afrontan como pobo nos vindeiros anos.

Vieiros: En 1989 desintégrase o campo socialista e en 1993 a República Checa e Eslovaquia retoman a súa andaina por separado. Daquelas os gobernantes checos non cumpriron coa promesa de lle conceder maior autonomía a Moravia ...
Jiří Novotný
: Cómpre lembrar que máis de mil anos do antigo autogoberno en Moravia foron destruídos coa chegada da ditadura comunista en 1949, que durou 40 anos. O pobo moravo tentou restaurar os seus dereitos sen éxito, e coa esperanza de que o conseguiría finalmente logo da revolución democrática de 1989.

Porén, ficou claro que o centralismo non entende de ideoloxías. Aínda que o comunismo caeu, a democracia comportouse do mesmo xeito con Moravia, algo que se fixo máis obvio cando Checoslovaquia se dividiu en dous países diferentes. Os centralistas de Praga tornáronse aínda máis belixerantes e suprimiron toda a actividade morava, até o punto de que a situación da nación morava hoxe en día é probabelmente a peor en toda a súa historia.

Cales foron os vieiros tomados polo Moravské hnutí (Movemento moravo) dende aquelas e que influencia ten na actualidade?

Orixinariamente, cando as relacións históricas, económicas, familiares entre checos e moravos eran máis estreitas, o Movemento moravo procuraba unha maior autonomía dentro de Checoslovaquia. Na década de 1990 era raro atopar xente que quixese a independencia de Moravia. Mais agora, coa primeira xeración nacida na democracia xa madurando, a corrente política independentista é a máis forte, tal e como se confirmou no terceiro Congreso de Moravané o pasado mes de marzo.

Todos os Gobernos en Praga, particularmente entre 1989 e 1993, ignoraron deliberadamente o movemento político moravo. Por que na actualidade segue a ser negada a identidade do pobo moravo?

Para responder esta pregunta haise que remontar atrás na Historia. Os checos, os moravos e moitas outras nacións pertencían ao Imperio Austrohúngaro até 1918, onde a posición dominante ocupábana os austríacos xermanoparlantes. Mantíñanse moi activos na restrición dos dereitos doutras nacións máis pequenas.

Coa creación de Checoslovaquia logo da Primeira Guerra Mundial, os checos asumiron esa posición e comezaron a se comportaren do mesmo xeito. A bandeira de Moravia prohibiuse, a lingua morava oficialmente suspendida. Os checos consideraban Checoslovaquia o seu pequeno imperio.

Ao rematar a Segunda Guerra Mundial, tres millóns de alemáns foron desprazados de Bohemia (Chequia) e Moravia, e Checolosvaquia perdeu Rutenia en beneficio da Unión Soviética. En 1993 Eslovaquia conseguiu a súa independencia. No resto do Estado só permaneceron moravos e checos, que se opoñían radicalmente á independencia de Moravia e restrinxiron todo o moravo. Non só se negan a recoñecer os dereitos dos moravos, senón tamén, con frecuencia, mesmo a súa existencia.

A lei estabelece como requisito previo a unha hipotética independencia da República Checa a existencia e recoñecemento da "nacionalidade morava". Vostedes traballan neste senso de cara ao censo oficial de 2011 (como na maioría dos estados realízase cada dez anos, e ao igual que no español, coincide cos rematados en 1) ...

Tamén o Goberno e outros organismos checos son conscientes disto. Por iso dende 1991 temos que facer fronte á propaganda continua, ás manipulacións e ás mentiras, dirixidas a desanimar os moravos de declarar a súa nacionalidade.

En 1991, durante o suposto primeiro censo democrático, aproximadamente 1,4 millóns de persoas declaráronse moravos, malia que o método de elaboración do censo era tendencioso. A checa era a única nacionalidade que aparecía no impreso, e se querías especificar algunha outra, tíñala que escribir ti mesmo dentro do apartado "Outras". Logo non todas as nacionalidades gozaron das mesmas garantías. Os estudos etnolóxicos independentes mostran que o 90% dos habitantes de Moravia, 3,7 millóns de persoas, recoñécense identitariamente como moravos.

No censo de 2001 baixou o número de moravos que se recoñecían como tal ...

Antes do censo de 2001 a verdadeira loita pola nacionalidade desenvolveuse nos medios de comunicación, onde houbo unha intensa propaganda a prol dunha única nación checa, ridiculizando calquera cousa diferente á homoxeneidade nacional dentro do Estado. O resultado? O número de eslovacos, alemáns, polacos, xitanos, … de súpeto reduciuse até un 75%. No caso dos moravos descendeu até os 350 mil. Milagre? Non, a manipulación checa. A República Checa engana tamén a UE contabilizando checos e moravos xuntos nos informes sobre a estrutura nacional do país.

En 2011 imos exixir a presenza de observadores internacionais durante a elaboración do censo. Nós traballamos informando a xente, queremos que saiban da posibilidade da libre elección cando declaran a súa nacionalidade. E gustaríanos que o fixesen, tendo en conta que a súa prosperidade futura depende disto.

Ademais reclaman unha reforma constitucional. En que consiste?

Demandamos a restauración do autogoberno de Moravia coas súas fronteiras históricas. Isto non só significa ter autonomía dentro do Estado checo. En base a unha tradición dun estado milenario, exiximos un parlamento e un goberno propios. Estamos de acordo coa creación dunha confederación con Bohemia, se os checos queren. Mais se non, Moravia será unha república independente dentro da Unión Europea.

A finais do S.XIX nos EUA vivían arredor dun millón de moravos, especialmente en Texas. Que peso ten esta colonia?

Pouco a pouco imos facendo contactos, mais recoñezo que non son moitos. Isto podería ser resultado do illamento da ditadura comunista, cando era imposíbel comunicarse co exterior. Porén, a identidade morava permanece forte. Mesmo os estadounidenses negros en contacto cos nosos compatriotas din: "Son moravo". Nos EUA e noutras partes do mundo aínda existe a Igrexa Morava, e hai unha tribo estadounidense, evanxelizada por por misioneiros de Moravia, coñecida como "Indios moravos".

A lingua morava non está recoñecida oficialmente. Cal é a súa situación?

É extremadamente paradoxal. Oficialmente a lingua morava non existe. Aínda que todos en Moravia a falamos, as institucións do Estado din que é checo. Hai que lembrar que a lingua morava fora abandonada coa fin do Imperio Austrohúngaro en 1918. Até entón era a lingua oficial de Moravia. Mesmo o checo actual derívase deste moravo. É incluso máis similar aos dialectos de Moravia que aos dialectos de Bohemia, o que é bastante ridículo mais non fai que os checos o admitan.

O moravo converteuse na cuarta lingua litúrxica da Cristiandade logo do latín, do grego e do hebreo, cando o Reino de Moravia -nas fontes históricas, a Gran Moravia- se converteu na primeira nación eslava en asumir o cristianismo. O moravo codificouse, e traduciuse a Biblia e escribiuse o primeiro libro de leis. Filoloxicamente chámaselle "lingua protoeslávica", que é o termo politicamente correcto, porque en realidade é moravo antigo. A historia do moravo é moi coñecida, mais a súa presenza molesta. No Movemento moravo hai un grupo de expertos traballando para o estabelecer de novo. En canto se cre o autogoberno, farase inmediatamente a súa renovación oficial.

De cara ás eleccións no Parlamento Europeo, o seu partido afirma que prefire colaborar con outros estados europeos antes que co checo. Por que?

Pensamos que a República Checa non lle pode ofrecer ao pobo moravo máis nada nunca máis. Os checos unicamente explotaron economicamente Moravia, tiraron beneficios do país e agora ocúpano. Mentres que en Bohemia hai elevados investimentos, en Moravia aínda nin remataron unha autoestrada. E iso que Moravia dende tempos prehistóricos foi vía de paso en Centro Europa dos viaxantes entre o norte e o sur. Aínda hai 60 anos, Moravia era economicamente máis forte que Bohemia.

Na actualidade, o IVE en Moravia é un 65% da media da UE, en Bohemia está a un 85%, e en Praga a un 165%! Isto é porque todos os impostos de Moravia páganselles aos checos. Os checos róubanlle a Moravia, diso non hai dúbida. Polo tanto cremos que é mellor cooperar con outras nacións coas que historicamente estivemos unidos: austríacos, eslovacos, eslovenos e húngaros. As augas de Moravia flúen cara estes países e ao Mar Negro, as de Bohemia cara ao Mar do Norte. Simplemente, sentimos que pertencemos a outro lugar.


4,75/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: