Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BERNARDO ATXAGA, ESCRITOR

"A linguaxe compasiva non leva a ningures, só alivia a nosa conciencia"

O luns estivo en Santiago, e este martes na Coruña, presentando a edición galega do seu novo libro, 'Sete Casas en Francia' (Faktoría K).

Marcos S. Pérez - 11:30 19/05/2009

"A literatura é unha loita por darlle valor a lugares e persoas". Ese foi o motor que moveu Obabakoak e O fillo do acordeonista: "unha elexía das persoas do común", segundo Bernardo Atxaga, que o luns estivo en Compostela e este martes asinará exemplares da súa última novela na FNAC da Coruña. Ese motor parou, Atxaga contou todo o que quería contar sobre ese pequeno universo de Obaba, e decidiu contar o seu envés: "A literatura pode ser tamén un intento de restar valor ao que creo que non o ten, ou ao que non o merece". Así naceu Sete Casas en Francia, publicado en galego por Faktoría K, un relato sobre a colonización do Congo Belga, a leira privada do Rei Leopoldo, que nos primeiros anos do século XX provocou millóns de mortos e sobre o que Mark Twain escribiu que "cando vaia ao inferno, que espero que sexa pronto, os habitantes de alí ficarán horrorizados ao velo".

"Chamábanlle a Belle Epoque, así figura nos libros de historia e nas novelas de aventuras. Eu quixen escribir o contraste, o envés de todo iso". Na novela de Atxaga os antigos heroes son uns monstros, e hai de novo unha elexía das vítimas. "A beleza está na mirada cara ao débil, no perdido, no dobrado, no que morre", di Atxaga, que cita os versos de Panero: 'Peter Punk es el amor y Campanilla su princesa/ en el cielo están buscando el secreto de la nada/ todos los Niños Extraviados'. "Sempre me interesaron estes nenos desorientados, que eu mesmo vin no colexio, e os mozos extraviados, que tamén coñecín, que pasaban directamente da aldea a integrar un comando". Sete Casas en Francia é un relato duro, mais narrado con ironía, cun humor mesmo grotesco: "a linguaxe compasiva non leva a ningures, só alivia a nosa conciencia", di.

De Obaba ao Congo, pasando polas fórmulas e tópicos das novelas de aventuras. O obxectivo era viaxar, a evasión?
Eu non o connotaría como evasión. Eu diría que é un final e un principio; foi o final de dúas mil páxinas dedicadas tanto ao real de Euskadi, da crónica até a opinión política, como ao simbólico e ao poético. Cheguei ao convencemento de que sobre ese mundo non tiña xa máis nada que dicir, e non quería repetirme. Así que iniciei un novo camiño, que é máis radical que o anterior, máis solitario. Porque no anterior eu contaba cunha minoría de interlocutores, aínda que fose pequena, xente que apoiaba o texto. En cambio agora teño a sensación de que xa non fago concesións nin fago chiscadelas a ninguén, senón unha invención que ten unha idea filosófica moi clara detrás, e que ten unha certa forma que é a única garantía de non quedar só de todo. A idea filosófica que hai detrás é xusto utilizar esa forma poética para amosar xusto o seu envés. É un final e é un principio, porque creo que vou facer varias novelas deste estilo.

O feito de escribir nun xénero que pode parecer doado, por ser efectista, e que ten unhas fórmulas moi estandarizas, é tamén un reto para un escritor coma ti, o saber manexar esas fórmulas...
É un pouco como tocar un estándar, é como tocar Summertime, pero en vez de tocalo na trompeta, tocalo na batería. A novela de aventuras como tal non se parece moito ao que eu escribín, o xeito de narrar na novela creo que é moi meu. Un personaxe como Donatien, que está falando continuamente cos seus trinta irmáns, que ten na cabeza, non creo que apareza nas novelas de aventuras; é un recurso que eu utilicei, por exemplo, en Memorias dunha vaca. A narratividade é moi miña. A forma, a carcasa é como unha novela de aventuras, pero non creo que nunha novela de aventuras haxa personaxes cunha cabeza que se lle divide e que se lle subdivide.

Es un autor moi traducido. Non sei até que punto é complicado pasar do euskera a outras linguas. Cambia a novela?
O único punto perigoso, o Cabo de Hornos, está en traducir do euskera a unha lingua latina. A tradución é un desprazamento, pero hai veces que é un desprazamento con salto, como neste caso, cando pasas dunha lingua cunha estrutura sintáctica diferente, que ten un mundo connotativo diferente, ás veces máis exiguo. Como xa tiven moitos problemas por este asunto, agora ese salto faise, por dicilo así, na casa, facémolo entre a miña muller e eu. Nunca debemos deixar de falar ben da tradución; sempre repito o que dixo Umberto Eco cando lle preguntaron cal era a lingua de Europa e dixo que era a tradución.

Sentícheste algunha vez un incomprendido, fóra do centro do sistema literario, tanto en España, por escribir en euskera, e en Euskadi, por non ser nacionalista?
Teño a convicción de que as traxectorias persoais, cando o son de verdade, case sempre son bastante solitarias: é difícil atopar interlocutores. A min faltáronme interlocutores en moitos momentos, e chegou un momento no que decidín non facer caso desta cuestión, como se o problema non existise. Pero si, tiven problemas moitas veces en Madrid por escribir en euskera, por escribir sobre ETA, por 'non tomar unha posición moral clara', que é unha frase que lles encanta aos xornalistas. E en Euskadi, tamén, pois por exemplo cando me deron o Premio Nacional de Literatura, houbo xente que me chamaba a casa, e mesmo á miña propia nai, para dicirnos isto e o outro. É un cinco por cento de fanáticos dunha beira e da outra, que arman moito ruído, e que parece que están neste mundo para facerlle a vida imposíbel ao resto. E agora xa non lles fago nin caso, nin a uns nin aos outros, antes pensaba que eran moitos e agora decateime de que non.

Como ves a nova situación política en Euskadi? É un cambio real, ou só formal?
Non parece que sexa un cambio. A gran batalla é a que se dá no dicionario, cada un tira do dicionario e quere que as palabras signifiquen o que quere. Houbo unha alternancia, pero non un cambio. Vexo claramente nesta situación a man do publicista, véxoo entregando o informe do que hai que dicir e o que hai que facer, toda esa maquillaxe. Por unha banda eu estaba farto da burocracia do PNV, polo que me parece estupendo que estean un tempo en barbeito. Pero polo outro o PSE non me gusta nada como partido político e non creo que poida liderar un país, e menos aínda cando está gobernando co PP. Que ese goberno, soportado polo PP e o Opus Dei, se dea ínfulas de cambio é un conto de fadas.

Confías en que sirva, cando menos, para que o PNV reflexione?
Si, pero sería moito mellor outro tipo de coalición. Sempre se pensa que en Euskadi hai unha forza social anulada, e non me refiro só á esquerda abertzale ao uso, senón a un sector grande da sociedade, que é progresista pero que está desorientado e non sabe a quen votar. A verdade é que estou desconcertado. Así que polo que parece os vascos seguiremos aburrindo ao persoal outros catro anos, ou oito, e seguiremos falando do problema vasco.

E o mundo abertzale, que vai pasar con el?
Haberá que ver o día que a fiscalía lles deixe presentarse ás eleccións, é dicir, cando xa non lles quede outro remedio, saberemos cal é a forza que ten esa coalición, que é moita, gústenos ou non. Esa vai ser a forza de choque no futuro. A outra esquerda? Pois agora Aralar subiu, pero será até que se presente Otegi.


4,52/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: