Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ACTOS INSTITUCIONAIS DO 17M

Ramón, o da "Casa de Baixo", volve a Láncara

Os actos centrais de celebración das Letras 2009 terán lugar na vila natal de Ramón Piñeiro, coa intervención de Villares, Freixanes e Torres Queiruga. Entra aqui no especial Letras 09.

Redacción - 10:45 17/05/2009

A familia paterna de Ramón Piñeiro, era coñecida en Láncara como "Os de Baixo", ou a caste da "Casa de Baixo", e ese alcume pasou ao intelectual e aos seus irmáns, aínda que nunca viviron naquela casa, unha boa construción que erguera o seu tataravó grazas a unha arqueta de moedas de ouro que atopara no prado. Conta Piñeiro no primeiro capítulo das súas memorias que "o apelativo tiña unha connotación especial, porque era crenza común que os membros desa familia eramos todos raros, atoldados. A opinión colectiva dos veciños apúñanos a todos, como patrimonio xenético, o sermos intelixentes e tolos".

Ramón Piñeiro regresa, pois, a Láncara, onde se celebrarán os actos institucionais de celebración das Letras 2009, organizados pola Real Academia. Ás 12 horas comezará a sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega coa intervención de Ramón Villares, Víctor Freixanes e Andrés Torres Queiruga, pechando o acto o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro. Ás cinco da tarde realizarase unha ofrenda floral diante do busto de Ramón Piñeiro no lugar de Carracedo.

No devandito primeiro capítulo do seu libro de memorias, Piñeiro escribe sobre o seu ingreso na escola que "Deica entón, deica os seis anos, a miña lingua única fóra a galega, así que o choque máis importante que me produciu a escola foi o cambio de lingua. O escolante, que era de Lugo, falaba en castelán dentro e fóra da escola (...) Non facía a menor concesión. Falaba en castelán coa intransixente firmeza de quen cumpre un alto e sagrado deber (...) Como a miña expresión espontánea e habitual se manifestaba en galego -o galego era o meu idioma-, o súpeto e ríxido cambio de lingua producía en min un sentimento de distancia psicolóxica (...) A utilización ríxida dunha lingua distinta da nosa, dunha lingua que excluía á nosa, dáballe (ao escolante) unha autoridade extraña, unha autoridade que non era natural, unha autoridade que tiña un significado negativo, xa que en lugar de establecer a superioridade persoal do mestre trataba de establecer a nosa inferioridade colectiva. E non só a nosa inferioridade en canto escolares senón a inferioridade nosa en canto galegofalantes. Mais esa inferioridade englobaba tamén os nosos pais, os nosos irmáns e familiares, os nosos veciños, a todo o que era o noso mundo propio".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: