Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BORRADOR DA LEI DE NORMALIACIÓN

Ramón Piñeiro: "O centralismo uniformista estatal..."

Publicamos o texto manuscrito do preámbulo da lei aprobada por unanimidade en 1983, redactado por Piñeiro e Casares.

Redacción - 15:09 14/05/2009

O centralismo uniformista estatal, acentuado no decorrer do séculos, deu lugar á desaparición das estruturas políticas e administrativas do Reino de Galicia e impediu o desenvolvemento da nosa cultura propia cando a imprenta iba promover o grande despregue das culturas modernas...

Así comeza un dos borradores do preámbulo da Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983, que Ramón Piñeiro escribiu a man canda a Carlos Casares, e que posteriormente lle presentou á ponencia creada no Parlamento Galego para redactar a norma. O texto variou moi pouco na súa versión definitiva e foi aprobado por unanimidade da cámara, na que dominaba Alianza Popular. A lei, base legal da defensa da lingua galega e do vixente decreto do ensino, foi promovida por Camilo Nogueira, e nela traballaron deputados de todos os grupos políticos.

Eis o texto definitivo do preámbulo:
O proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos, tivo para Galicia dúas consecuencias profundamente negativas: anula -la posibilidade de constituír institucións propias e impedi-lo desenvolvemento da nosa cultura xenuína cando a imprenta ía promove-lo grande despegue das culturas modernas.

Sometido a esta despersonalización política e a esta marxinación cultural, o pobo galego padeceu unha progresiva depauperación interna que xa no século XVIII foi denunciada polos ilustrados e que desde mediados do XIX, foi constantemente combatida por tódolos galegos conscientes da necesidade de evita-la desintegración da nosa personalidade.

A Constitución de 1978, ó recoñece-los nosos dereitos autonómicos como nacionalidade histórica, fixo posible a posta en marcha dun esforzo constructivo encamiñado á plena recuperación da nosa personalidade colectiva e da súa potencialidade creadora.

Un dos factores fundamentais desa recuperación é a lingua, por se-lo núcleo vital da nosa identidade. A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. Únenos co pasado do noso pobo, porque del a recibimos como patrimonio vivo, e uniranos co seu futuro, porque a recibirá de nós como legado da identidade común. E na Galicia do presente serve de vínculo esencial entre os galegos afincados na terra nativa e os galegos emigrados polo mundo.

A presente Lei, de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía, garante a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo.

Polas devanditas razóns, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13°, 2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, regulamentadora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a LEI DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Borrador do preámbulo (clica para ampliar)
Borrador do preámbulo (clica para ampliar)
Os deputados 'galeguistas' no primeiro parlamento galego
Os deputados 'galeguistas' no primeiro parlamento galego