Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CAMILO NOGUEIRA

"A estratexia de galeguizar os partidos españois resultou un fracaso rotundo"

Non pasou pola mesa camilla e recrimínalle a Piñeiro a liquidación do PG e da idea de Galiza como nación, "sen a cal é moi difícil defender a lingua".

Marcos S. Pérez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 14:49 14/05/2009

A liquidación do PG e da idea de nación
"O PG podía ser a casa común do nacionalismo ou podía ser simplemente un partido democrático de centro. Piñeiro dixo aquilo de que en Galicia non tiña por que haber partidos nacionalistas, que podía haber partidos galeguizados de esquerda, de centro e de dereita; iso é unha opinión, o problema de Piñeiro é que baixo a idea de que quería un Estado Federal, renunciou a Galicia como razón, pero por que? Ese é un problema grave, porque implica que habería que galeguizar a partidos españois: o PP e o PSOE, que están tan galeguizados como o están en Estremadura. Nos primeiros anos da postguerra, igual non se podía facer outra cousa, era razoábel dicir: 'imos facer actividade cultural e agardar a outros tempos'. O problema é eliminar o PG e cortar coa idea de Galicia como nación. Que é iso de 'Conservar a alma cultural de Galicia?' Hoxendía é imposíbel manter un carácter cultural de nación sen un instrumento político equiparábel ao dun Estado. Se non, está asolagado por un poder que te anula".

Piñeiro tiña ideas pero non tiña exército?
Pero por que tiña que ter exército? Iso é partir da base de que Piñeiro tiña a verdade. El dedicouse á cultura e fixo un gran traballo. Non tiña por que telo e ademais non quixo telo. O PG que se creou na transición non era o Partido Galeguista de 1936, e aí eu podo estar de acordo en que non había por que outorgarlle a autoridade de suceder ao partido de Castelao e Bóveda.

O traballo de Piñeiro no Parlamento
O traballo que fixo Piñeiro e os seus compañeiros na primeira lexislatura non ten nada que comparar co que fixo EG, por exemplo. A min aféctame especialmente o feito de que se lle atribúan a Piñeiro a aprobación de leis que foron iniciativa miña, como a Lei de Normalización, e xa non sei como facer para desmentir semellante atribución. No debate no pleno acordouse facer unha ponencia de traballo, na que estivo Casares, Pardo Montero, Barreiro, eu..., para que presentase un texto definitivo perante o pleno. E aprobouse por unanimidade. E non sei por que se lle atribúe a Piñeiro esta lei. Tampouco sei por que se lle atribúe o impulso da autonomía.

Piñeiro triunfou ou fracasou na súa estratexia?
A estratexia de galeguizar os partidos españois xa era errada, no sentido de prescindir de partidos propios; unha nación precisa de partidos propios, e demostrouse aínda máis errada, porque o resultado foi un fracaso rotundo. E igual perdéronse oportunidades de construír outro sistema de partidos en Galicia. E sobre isto para nada a responsabilidade é exclusiva de Piñeiro. As culpas están moi estendidas e ten raíces moi profundas.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: