Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este xoves 14

O ensino secundario prepara a folga xeral coa que sairá á rúa a defender o idioma

A asociación Mocidade pola Lingua organiza esta xornada de protesta na que criticará as ameazas de retroceso no proceso de normalización lingüística formuladas polo PP trala súa chegada ao poder.

Redacción - 08:00 11/05/2009
Cartaz da xornada de folga (clic para ampliar)

Cartaz da xornada de folga (clic para ampliar)

Mocidade pola Lingua (ML) convocou o vindeiro xoves, día 14, unha folga no ensino secundario para reivindicar a necesidade de defender "o dereito da mocidade a formarnos e vivir plenamente no noso idioma". Ademais, estas mobilizacións tamén constitúen unha protesta aberta contra "as ameazas do Partido Popular de retroceder no proceso normalizador do noso idioma", en clara referencia ás insinuacións sobre unha derrogación ou mudanza do Decreto 124/2007.

Son seguras as manifestacións de Compostela, Vigo e Pontevedra, nas que ademais dos estudantes das cidades participarán mozas e mozos chegados dende as comarcas próximas. Para conseguir mobilizar o estudantado desprazáronse durante a última semana polos institutos do país e, segundo nos conta Estela Suárez (pertencente á asemblea compostelá de ML) sorprendeulles "a desinformación a respecto deste tema tanto de alumnos como de profesores".

Durante estas visitas aos institutos tamén se proxectou en algún deles o documental Linguas Cruzadas, abríndose despois unha quenda de intervencións para que os mozos e as mozas debateran sobre o visto. Este luns realizarase unha xornada de traballo para elaborar o material (principalmente faixas e pancartas) que se vai utilizar nas manifestacións do vindeiro xoves.

Primeira gran acción de Mocidade pola Lingua
A do vindeiro xoves será a primeira acción de Mocidade pola Língua dende que o pasado 24 de xaneiro realizaron a asemblea constituínte, respondendo xente de todo o país á iniciativa promovida polo Foro da Mocidade de Vigo. Dende entón realizaron unha xuntanza semanal nas instalacións que lles cedeu a Gentalha do Pichel para partillar ideas e ir orientando a súa actividade.

Antes da organización de esta xornada centráronse en darse a coñecer á xente, pola rúa, e tamén en recoller información sobre a percepción e opinións que a sociedade galega ten da situación do seu idioma, mediante diversos mecanismos consultivos.

Á volta da natureza dos compoñentes de ML Estela Suárez explícanos que "somos persoas coas nosas ideas particulares que compartimos a percepción da situación que vive o galego". Un bo indicador da heteroxeneidade deste colectivo é o feito de que a súa páxina web se poida consultar na normativa lingüística da Real Academia e tamén en normativa AGAL, xa que segundo lle conta Suárez a Vieiros hai xente que se sente identificada con cada unha destas formas de escrita.


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: