Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Piden participación na manifestación do 17 de maio

Nova Escola chama á coordinación entre axentes sociais cara á futuras accións a prol da lingua

Lamentan que a Mesa faga a convocatoria unilateralmente, pero subliñan a importancia de acudir á cita en defensa do idioma do país.

Redacción - 18:15 30/04/2009

Só o 17% das clases de Primaria e o 30% das de Secundaria transcorren na actualidade "practicamente en galego" ou "máis en galego" ca en castelán. Eses son os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia, tal e como recordan desde o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega. Coas cifras na man cualifican de "demagóxica" a afirmación de que español estea sendo desterrado das aulas e subliñan que "semella evidente que o único idioma que corre perigo en Galiza e nas súas aulas é o galego.

"A actual normativa referida ao emprego do galego como lingua vehicular no ensino persegue, en certa medida, contribuír á corrección desta situación de entrada, tratando de garantir que o alumnado teña contacto co galego cando menos no 50% das actividades lectivas", expoñen. Neste contexto, e fronte ao anuncio de derrogación do marco lexislativo actual, Nova Escola salienta a manifestación do vindeiro 17 de maio como a oportunidade de ofrecer "unha mostra inequívoca, serena pero contundente", do sentir do conxunto da sociedade galega sobre a cuestión lingüística.

Por outro lado, o colectivo láiase de que a convocatoria da mobilización do 17 de maio fose asumida en solitario por unha única entidade, A Mesa pola Normalización Lingüística, "sen contar co conxunto dos axentes sociais claramente predispostos a apoiala nun momento no que semella claro que o esforzo pola normalización do idioma debe ser unha tarefa que, ou atopa un consenso moi xeneralizado e maioritario ou non terá éxito".


4.94/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: