Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Declaración de 'Pachi' Vázquez

"O PSdeG vano gobernar os socialistas galegos"

O do Carballiño subliñou que se se sente "con gañas e posibilidades" aspirará a ser o candidato do seu partido en 2013.

Redacción - 12:40 27/04/2009

"Levo moitos anos subindo a pulso pola corda da política", afirmou o novo secretario xeral do PSdeG-PSOE, Manuel Vázquez, nos micrófonos da Radio Galega, na que era a súa primeira entrevista logo de ser elixido polo seu partido para o cargo.

Preguntado pola posíbel aspiración do vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, de liderar a candidatura do partido na próxima cita electoral cara á Xunta, en 2013 se non hai adianto, subliñou Vázquez que o candidato "vano elixir os socialistas galegos". Ao fío, comentou que tal candidato será quen chegue "mellor situado" naquela altura e confirmou que el mesmo, de verse "con gañas e posibilidades", será un dos aspirantes a estar no cartel do PSdeG. Na mesma liña, rexeitou que a nova executiva do seu partido vaia estar manexada directamente desde Madrid. "Aquí acabáronse as franquías e os regalos, isto vai funcionar de abaixo cara a arriba", sentenciou.

Defensa dos pactos e da "coalición tácita" co PP en Euskadi
Na súa intervención, Vázquez referiuse tamén ás recentes declaracións do secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, quen o desafiara a rachar os pactos locais co Bloque para exemplificar a vontade "maioritaria" que di querer para o PSdeG-PSOE. "As coalicións son modelos democráticos e punto", dixo ao respecto Manuel Vázquez, recordando que os propios populares gobernan a través de pactos en moitos lugares e sinalando especificamente o cambio de goberno en Euskadi, viraxe que definiu de "coalición tácita" entre PSOE e PP.

Asegurou Vázquez que non hai novidade no que lle toca ao pacto co BNG para garantir gobernos estábeis en ducias de concellos do país. Con todo, insistiu tamén na vocación "maioritaria" do proxecto do PsdeG para Galiza, teimando en que tal e como o PSOE "goberna en solitario en Madrid e en moitos concellos" a aspiración do PsdeG-PSOE e chegar a gobernar do mesmo xeito en Galiza. "Imos traballar para iso e sen atallos", dixo.

Doutra banda, o líder dos socialistas cualificou de "profesional da mentira" a Afonso Rueda, acusándoo de levar ao primeiro plano cousas que non quere dicir o propio Feijoo. "Pero Feijoo, aínda que o poida parecer, non vén de Marte, senón que é un ex conselleiro que ademais perdeu hai catro anos", indicou. Ao tempo, instou os populares a deixaren de usar Galiza "para facerlle favores a Rajoy" e traballar en favor da solución dos problemas dos cidadáns galegos. Nese sentido referiuse ao debate sobre a reforma do financiamento ou das iniciativas fronte á crise, temas nos que criticou que Feijoo aposte por arrebolar críticas cara ao goberno español no canto de achegar solucións para os problemas "que lle afectan aos cidadáns galegos".

Poden consultar a entrevista íntegra a Manuel Vázquez na web da Radio Galega.


3,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: