Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONGRESO DO PSdeG

Ao baixar do coche oficial, só espera a infantería

Os socialistas prepáranse para a travesía do deserto borrando calquera pegada do “touriñismo”. Velaquí algunhas das claves da nova etapa.

Ramón Vilar - 15:10 25/04/2009

“Somos un gran exército pero andamos algo desorganizados”, bradou  coma unha especie de “Braveheart” diante dos cincocentos compromisarios chegados de todo o país. A frase estaba en sintonía coa receita que non se cansou de repetir 'Pachi' Vázquez por todas as comarcas antes do congreso desta fin de semana: “Hai que contar máis co partido”. O xa ex conselleiro de Medio Ambiente sabía perfectamente que corneta estaba a tocar: a da infantería. A de todos eses militantes, concelleiros, alcaldes que, dun ou doutro xeito, se sentiron afastados do círculo que rodeou durante case catro anos ao presidente Touriño.

E Vázquez, ben antes de que o bipartito tivese que empezar a recoller os mobles, sabía que a infantería (esa tropa indispensábel que se despraza a pé e que loita casa a casa) moulaba o seu resentimento. Moitos que viviran nas catacumbas a “era fraguiana” sentían cólicos ao ver como se “premiaba” con coches oficiais a xente que se mantivera na máis equidistante neutralidade durante os 16 anos de goberno conservador.

Ao longo da lexislatura, os cadros do partido mandáronlle varios recados a Monte Pío; pero Touriño, con fama de teimudo, decidiu manter o seu propio Estado Maior. Mentres, o do Carballiño, que antes de conselleiro fora alcalde, encargábase de abrir a súa axenda a militantes que chegaban a San Caetano preguntando que había do seu. Entre as bases comezou a espallarse a idea de 'Pachi' era a antítese dun presidente desconectado dos seus, que vivía na burbulla da capital, alleo ao que pasaba nas comarcas.

Pablo García, unha promesa de longo percorrido
Ademais de percorrer as comarcas, 'Pachi' Vázquez falou cos principais dirixentes de dúas organizacións historicamente próximas aos socialistas: a UXT e Unións Agrarias. Dende esta última organización, fixeron unha recomendación: Pablo García. O do Carballiño viuno claro e esta mesma semana pechou unha “fichaxe” ben simbólica. O novo secretario de Organización ten un perfil radicalmente oposto ao dos cadros que proliferaron arredor de Touriño.

Pero quen é Pablo García? Nacido hai 37 anos na parroquia silledense de Laro, este fillo de gandeiros, con estudos universitarios (diplomouse en Maxisterio), entrou en Unións Agrarias sendo un adolescente. Logo de curtirse no sindicalismo agrario na comarca do Deza, marchou para Compostela a ocuparse da secretaría de Organización, un posto que lle serviu para coñecer á perfección todas as comarcas do país. O ramallete ao seu currículo pono o feito de que é militante de base do PSdeG dende principios dos anos 90.

A dirección do Partido Socialista de Galicia vai ter a partir de agora catro alicerces:  'Pachi' Vázquez, que con 55 anos sabe que só terá unha oportunidade de entrar en Monte Pío; Mar Barcón en representación do mundo máis urbano; Ricardo Varela, que seguirá a ser un home fundamental na relación entre o PSdeG e Ferraz; e, finalmente, Pablo García, sen vinculación co pasado inmediato e cunha idade idónea para sobrevivir, chegado o caso, a máis dunha maioría absoluta da dereita.


4.54/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Pachi' Vázquez será o encargado de xestionar os primeiros anos de oposición do PSdG
'Pachi' Vázquez será o encargado de xestionar os primeiros anos de oposición do PSdG
Pablo García, á esquerda na imaxe, convértese nunha das principais bazas do PSdeG
Pablo García, á esquerda na imaxe, convértese nunha das principais bazas do PSdeG
A nova dirección ten que darlle folgos a unha militancia desanimada logo de perder na primeira lexislatura
A nova dirección ten que darlle folgos a unha militancia desanimada logo de perder na primeira lexislatura