Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
23 deles mortais

No que vai de ano rexistráronse perto de 10 mil accidentes laborais

Os datos foron difundidos pola UXT. Xunto con CCOO, manifestaranse a vindeira terza feira, Día Internacional da Seguridade no Traballo.

Redacción - 15:00 23/04/2009
Unha pintada nun muro, contra a sinistrabilidade laboral / Flickr: diodoro

Unha pintada nun muro, contra a sinistrabilidade laboral / Flickr: diodoro

No primeiro trimestre deste ano rexistráronse 9.986 accidentes laborais no noso país, dos que 23 foron mortais, e outros tres in itinere, segundo os datos difundidos esta quinta feira pola UXT, e procedentes do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga). Neste informe do sindicato, constátase, ademais, que a pesar de se ter reducido o número de sinistros con respecto do mesmo período de 2008 -cando se rexistraron 12.077-, o número de falecidos aumentou nunha persoa.

Os datos foron presentados en conferencia de prensa polo secretario de Saúde Laboral de UXT, Carlos Bellas, quen indicou que se ben neste tempo se produciu un descenso da sinistralidade, hai que ter en conta que tamén se rexistrou "unha redución importante da actividade empresarial", especialmente na construción e na industria, sectores que concentran o 83% dos accidentes laborais. Segundo Bellas, os accidentes mortais non descenderon, así como o resto de sinistros, porque a "prevención non está integrada na vida diaria das empresas". Nesta liña, o responsábel sindical denunciou que as avaliacións de riscos -documentos que, lembrou, todo empresario ten a obriga de entregar aos traballadores- son realizadas por "servizos alleos" é empresa, e sen contar cos empregados.

Bellas tamén quixo chamar a atención sobre as enfermidades profesionais, que, segundo dixo, "están a pasar totalmente desapercibidas" no sistema de prevención, e denunciou que moitos dos casos de enfermidades laborais son derivados ao sistema público de saúde, e non son clasificados como tales.

Mobilizacións conxuntas para o Día Internacional pola Saúde e a Seguridade no Traballo
O secretario de Saúde Laboral de UXT tamén presentou as mobilizacións que realizarán, de forma conxunta con CCOO, o vindeiro 28 de abril, Día Internacional pola Saúde e a Seguridade no Traballo, que consistirán nunha concentración central en Compostela -ao mediodía na Praza do Toural-, e outras nas diferentes comarcas. Os dous sindicatos lerán un manifesto (poden baixalo aquí, en .pdf) que posteriormente entregarán á Confederación de Empresarios de Galiza (CEG).


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: