Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día da Terra

A nai cumpre 4.500 millóns de anos

Esta cuarta feira é para lembrar a necesidade de protexer o planeta, mentres planea sobre el a sombra escura da mudanza climática e outros problemas ambientais.

Redacción - 08:00 22/04/2009
Flickr: aaronescobar

Flickr: aaronescobar

O Día da Terra foi creado para lembrarnos a responsabilidade de coidar e protexer o noso planeta, hai xa máis de 30 anos, cando se comezaron a observar os primeiros indicios alarmantes da degradación á que estamos sometendo o noso mundo.

Nun comezo escolleuse o 21 de marzo, que corresponde á celebración do equinoccio de primavera, mais posteriormente pasouse ao 22 de abril, nunha tradición iniciada nos EUA. O 26 de febreiro do 1971, as Nacións Unidas proclamaron oficialmente a súa celebración.

Porén, non é un día para festexar, senón para pensar nos erros que se están a cometer no referido á educación ambiental e no respecto e conservación do medio. De feito, un ano máis todas as olladas da culpabilidade sinalan a chamada mudanza climática, que segue a ser un dos principais problemas ambientais aos que nos enfrontamos.

O que podemos facer dende aquí
Con motivo do Día da Terra, dende a asociación ecoloxista Verdegaia quixeron insistir na urxencia de reducir as emisións de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro (GEI), causantes da mudanza climática global, tamén dende Galiza.

Segundo contan, o noso país segue a presentar unhas elevadas emisións por habitante de GEI -12,4 toneladas ao ano, unha cifra superior á media do Estado Español (9,9), e da UE (10,4)-, e a metade delas poden atribuírse a só seis empresas, que, denuncian, "gozan de importantes complicidades e apoios por parte dos poderes públicos".

Media ducia de empresas responsábeis da metade da contribución galega á mudanza climáticas
En Galiza, co 0,04% da poboación, xeramos o 0,12% das emisións mundiais de GEI. De máis da metade destas emisións son responsábeis, segundo sinalan os ecoloxistas, seis empresas situadas no noso país, cinco transnacionais (Endesa, Unión Fenosa, Repsol, Alcoa e Ferroatlántica) e unha semipública (Sogama). Á cabeza sitúase Endesa, coa súa central térmica de carbón das Pontes, a maior "fábrica de mudanza climática" de España, que emite máis CO2 que Estremadura ou Navarra (datos referidos a 2006, os últimos dos que se ten noticia. Poden consultar ao completo os datos facilitados por Verdegaia neste .pdf).

A xuízo de Verdegaia, estes datos amosan que a situación á cada vez máis preocupante, e que a crise climática require dunha mudanza profunda do modelo de produción e consumo, o que implica, entre outras cousas, "a reconversión das industrias ligadas aos combustíbeis fósiles ou moi intensivas en consumo de enerxía e materiais, e un forte desenvolvemento de actividades orientadas ao aforro enerxético, ás enerxías e os materiais renovables, á reutilización e á reciclaxe, á rehabilitación de edificios ou ao transporte colectivo". Tamén falan da necesidade de abandonar a incineración do lixo, "falsamente presentada como unha solución contra as alteracións climáticas" polo Plan de Acción contra o Cambio Climático 2008-2012, elaborado polo Goberno bipartito, que prevé un aumento das emisións de GEI do 37% en 2012, respecto de 1990, cando en 2006 eran un 20,5% superiores.

Xornada reivindicativa e de portas abertas nas sedes de Adega
Dende a asociación ecoloxista Adega tamén conmemoran o Día da Terra, trasladándolle á sociedade galega as que son para eles as principais e urxentes reivindicacións ambientais que, segundo contan, "deberían estar agora enriba da mesa da nova Xunta". Os ecoloxistas falan da moratoria urbanística do litoral e a necesidade dun Plan de Ordenamento do Litoral, elaborado con criterios de sustentabilidade; a creación dun novo Plan de Residuos Sólidos Urbanos de Galiza, que aposte pola redución, a reciclaxe e a compostaxe; a creación dun novo Plano Sectorial Hidroeléctrico, que aposte pola opción cero -nin un novo encoro máis nos ríos galegos-; e a ampliación urxente da Rede Natura galega.

A asociación ecoloxista tamén celebra esta xornada cun día de portas abertas e diversos actos reivindicativos e informativos por todo o país. Nesta cuarta feira, todo aquel e aquela que o desexe, pode achegarse ás sedes de Adega para coñecer, de primeira man, o traballo dos seus activistas, recibir información e ver como se pode colaborar na defensa ecolóxica do país. Tamén haberá actos informativos con postos nas cidade de Compostela (Praza do Toural de 17h00 a 20h00), Vigo, Ourense e Lugo; e o vindeiro domingo, en Ribadeo (A Mariña), e xunto coa Federación Ecoloxista Galega (FEG), en Silgar (Sanxenxo).

Mesa informativa e comunicación co Goberno dende Amigos da Terra
Dende Amigos da Terra tamén celebran este día, mais lembrando que esta xornada non debe quedar nunha acción puntual, "senón que debe aplicarse a todos os días para que as seguintes xeracións poidan gozar do noso planeta tal e como o coñecemos". Esta asociación vai poñer unha mesa informativa en Ourense (do mediodía ás 13h00, e das 18h00 ás 20h00, no xardín xaponés, situado a carón da sede da subdelegación do goberno español) coa que queren "tomarlle o pulso á rúa, saber cales son os problemas ambientais que preocupan máis á xente", e axudar "a que cada quen tome conciencia de que todos podemos facer algo e da importancia dos compromisos persoais". Despois, e tras analizar as respostas da xente, Amigos da Terra enviaralle un comunicado ao novo Goberno.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Dia da Terra todos os días' / Flickr: morgantj
'Dia da Terra todos os días' / Flickr: morgantj
A mudanza climática é un dos principais problemas ao que se enfronta o noso planeta / Flickr: freefoto
A mudanza climática é un dos principais problemas ao que se enfronta o noso planeta / Flickr: freefoto
Esta imaxe títulase 'O futuro?' / Tirada do Flickr de pericomart
Esta imaxe títulase 'O futuro?' / Tirada do Flickr de pericomart
Flickr: ignacio_conejo
Flickr: ignacio_conejo
Flickr: alvaromotion
Flickr: alvaromotion