Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
REDES SEN FÍOS

A internet chega polo aire

O Concello de Cerceda remata satisfactoriamente o período de probas da súa rede Wi-Fi, concibida como unha alternativa económica de conexión.

Redacción - 18:10 16/04/2009

A rede Wi-Fi do Concello de Cerceda acaba de rematar o seu período de probas e comezará a funcionar regulada por unha ordenanza municipal, que fixa o custo do servizo. Non é a única rede deste tipo que existe no país, aínda que conta con características específicas, das que falamos co encargado de Informática do concello, Manuel Souto.

A rede de acceso á internet sen fíos comezou a funcionar hai un ano de xeito experimental. Nese tempo, aproveitaron o servizo arredor de 150 persoas, de xeito gratuíto. Nese tempo, a experiencia foi "positiva", aínda que a tecnoloxía é "nova" e precisa de determinadas adaptacións para facer uso dela. Por exemplo, contar con receptores preparados especificamente para a conexión, ou adaptación de antenas -ao estilo da TDT- no caso de comunidades de veciños. Pero estes son atrancos "alleos á rede en si".

Tamén, polas características da tecnoloxía Wi-Fi, a conexión está limitada a aproximadamente 500 metros arredor da antena emisora, sempre que non haxa obstáculos. E o feito de atoparse nunha zona de cobertura teórica tampouco garante que haxa unha boa conexión á Wi-Fi, como explicou Manuel Souto. Parte deses problemas da Wi-Fi solvéntaos a tecnoloxía WiMAX, posta en marcha noutros concellos do país e que Cerceda xa estuda implantar proximamente.

As redes WiMAX están implantadas, por exemplo, na zona histórica de Compostela, froito dunha iniciativa municipal; no Courel, pola Consellaría do Medio Rural, ou en diversos polígonos industriais, pola Consellaría de Innovación e Industria. Esta mesma consellaría estendeu redes sen fíos por moitos outros concellos galegos. Son un xeito de levar a banda larga a zonas onde as empresas privadas de telecomunicacións non chegan por non lles ser rendíbel ou ben por dificultades orográficas.

Non é ese, no entanto, o caso de Cerceda, onde a rede Wi-Fi se ofrece como un servizo máis, por existir xa conexións de banda larga. Segundo explicou Manuel Souto, "a principal vantaxe é que resulta máis económica", e a súa principal utilidade é conseguir un acceso para a navegación ou a consulta de correo electrónico, non para descargas masivas que saturen a rede. De feito, o volume de datos ten unha limitación mensual, de arredor dun xigabyte, que, se se supera, penalízase cunha redución da velocidade. Deste xeito, garántese a calidade de servizo para o resto das persoas usuarias.

A velocidade máxima é dun mega, que normalmente queda "arredor da metade". Os prezos si son económicos, como un xeito de poñer ao dispor da cidadanía un servizo que cada vez se considera máis básico. A ordenanza municipal de Cerceda fixou un prezo de oito euros ao mes e bonos anuais de 90 euros. O custo fixouse tendo en conta o prezo das conexións comerciais de ADSL e de cable e dividíndoo en proporción á velocidade de acceso máxima.

Por outra banda, as persoas que visiten Cerceda teñen garantida unha conexión Wi-Fi de balde, sempre que se atopen dentro da área de cobertura. Para iso, existirá un número de horas mensuais gratuítas de conexión, "como xa se fai tamén noutros lugares", explicou Souto.


4.5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: